A Asociación Leña Verde organiza o III Concurso de Fotografía Científica de Vegadeo

AMariñaXa
As obras poderán presentarse ata o 20 de novembro e serán expostas na Casa da Cultura, onde tamén se poderá votar a través das redes sociais
fotografia-imaxe-camara
7 Nov 2026

A Asociación Cultural Leña Verde, de Vegadeo, organiza a terceira edición do seu Concurso de Fotografía Científica, unha iniciativa incluída na programación da Semana da Ciencia 2026 que busca achegar a ciencia á cidadanía a través da imaxe. O certame está aberto a persoas de todas as idades, sen establecer categorías por franxas de idade, e permitirá presentar ata dúas fotografías por participante.

O prazo para enviar as propostas permanecerá aberto desde o 3 ata o 20 de novembro, ambos os días incluídos. A organización establece un máximo de 30 participantes, que serán admitidos por orde de recepción dos correos electrónicos. As imaxes deberán estar relacionadas coa ciencia, aínda que as bases non fixan unha temática específica, e poderán realizarse tanto con cámaras fotográficas como con dispositivos móbiles.

As fotografías deberán ser orixinais e de autoría propia. Non se admitirán traballos que xa resultasen premiados noutros concursos, que fosen presentados en edicións anteriores ou que incorporen contidos xerados total ou parcialmente mediante ferramentas de intelixencia artificial. Tampouco estarán permitidas as modificacións con IA que alteren elementos esenciais da escena. A entidade poderá solicitar o arquivo orixinal da imaxe ou información sobre o proceso creativo se existen dúbidas respecto ao cumprimento destas condicións.

Cada obra deberá acompañarse dun título e dun breve texto explicativo, cun máximo de 1.000 caracteres sen espazos, no que se detalle a relación da fotografía coa ciencia e a motivación da persoa autora. Estes documentos non poderán incluír información que permita identificar o participante, xa que as imaxes se exhibirán de maneira anónima.

Os traballos deberán remitirse ao correo electrónico lvasociacioncultural@gmail.com, co asunto "Concurso fotográfico. Semana da Ciencia 2026". A mensaxe incluirá a fotografía en formato JPG, identificada cun pseudónimo, un PDF co título e a explicación da obra e outro documento cos datos persoais e de contacto do autor ou autora.

Todas as imaxes recibidas poderán visitarse na sala de exposicións da Casa da Cultura de Vegadeo entre o 25 de novembro e o 2 de decembro. Ademais, publicaranse nas redes sociais da asociación, onde os usuarios poderán votar pola súa favorita.

O fallo do xurado experto, integrado por persoas vinculadas aos ámbitos científico e artístico, coñecerase o 2 de decembro, a mesma xornada na que se determinará o resultado da votación popular. A comunicación oficial dos premios realizarase o día 3 a través das redes sociais da entidade, que tamén contactará por correo electrónico coas persoas galardoadas.

O primeiro premio consistirá nun vale para unha ruta de observación do oso pardo en Somiedo, de día completo e para dúas persoas, ofrecida por Sio Ecoturismo. A segunda fotografía clasificada, escollida mediante votación popular, recibirá unha cesta de produtos locais.

0.14405989646912