A asociación de veciños Santa Comba da Órrea muda a xunta directiva
A xunta directiva da Asociación de Veciños e Veciñas de Santa Comba da Órrea concluíu o seu mandato o pasado 13 de outubro. A presidenta saínte quixo expresar o seu máis sincero agradecemento a toda a veciñanza pola colaboración e apoio recibidos durante os anos que estiveron á fronte da asociación. Durante o seu mandato realizáronse moitas melloras para a parroquia, pero tamén recoñeceu que aínda quedan moitos proxectos por levar a cabo para seguir mellorando as condicións de vida en Santa Comba da Órrea.
A nova xunta directiva, encabezada por Gervasio Murado da Casa de Xan como presidente, toma o relevo con entusiasmo e compromiso. Xunto a el estarán José Graña (Casa de Graña) como vicepresidente, Ángela Fernández (Casa de Fleire da Casanova) como secretaria, e Manuel Rodríguez (Casa de Xan) como tesoureiro. O equipo complétase cos vogais: Karina García (Casa do Zarelo), Jesús Fernández (Casa de Albertín), Fina Graña (Casa de Graña), Mª Luz Fernández (Lugar do Fleire) e Isabel Sobrado (Casa de Jaime).
O novo presidente, Gervasio Murado, destacou a importancia de dar continuidade ao gran labor realizado polas anteriores directivas, eloxiando especialmente o traballo de Bina e o seu equipo, que foron fundamentais para manter unha asociación forte, escoitada e respectada. Tamén expresou o seu compromiso de seguir traballando por mellorar as condicións da parroquia, asegurando que a nova directiva formou un equipo unido e con obxectivos claros.
Por último, quixo animar a toda a veciñanza a manter a mesma colaboración que caracterizou o anterior período, asegurando que a nova directiva estará sempre dispoñible para atender as necesidades e peticións de todos os veciños e veciñas da parroquia, co obxectivo de seguir avanzando xuntos.
MAGOSTO
A primeira cita da nova xunta directiva é o magosto que se celebrará o sábado, 2 de novembro, ás 20.00 horas no local social.
Haberá castañas, liscos e chourizo frito entre outras novidades.
As persoas que desexen participar deberán anotarse antes do día 30 no Whastapp 650 558 750.