A Asociación de Veciños de Mor impulsa un curso de arte floral con gran participación e moi boa acollida

A Asociación de Veciños de Mor, no concello de Alfoz, organizou recentemente un curso de elaboración de centros florais que contou cunha moi boa resposta por parte da veciñanza e de participantes chegados doutros lugares. A actividade desenvolveuse nun ambiente distendido e de convivencia, no que non faltaron os momentos de aprendizaxe nin os espazos para o encontro social.
A xornada comezou cunha cálida benvida ás persoas asistentes, que foron recibidas cun café e biscoito antes de iniciar a parte práctica do curso, co obxectivo de crear un clima agradable e facilitar a participación. Tras esta primeira toma de contacto, os participantes pasaron á elaboración dos seus propios centros florais, guiados pola organización.
A actividade reuniu tanto a socios da propia asociación como a persoas doutras localidades interesadas neste tipo de iniciativas creativas. Segundo explican desde a entidade, a experiencia foi moi positiva e os asistentes amosaron un alto grao de satisfacción, destacando o carácter relaxante e entretido do obradoiro.
Durante o desenvolvemento do curso, moitos participantes comentaron que a actividade lles permitiu desconectar da rutina diaria e gozar dun tempo tranquilo arredor das flores, nun ambiente no que primou a calma e a creatividade.
Ao remate da xornada, os asistentes compartiron un pequeno brinde para celebrar o éxito da iniciativa, nun peche marcado pola boa sintonía e o agradecemento mutuo. Desde a asociación destacan que mesmo ao finalizar o curso, moitas persoas xa preguntaban pola posibilidade de organizar novas edicións, sinalando o interese xerado pola actividade.
Dende a Asociación de Veciños de Mor amosan a súa satisfacción pola acollida, aínda que lembran que nestes momentos a súa prioridade está centrada na organización das festas parroquiais, sen descartar que este tipo de cursos poidan repetirse no futuro debido á boa resposta obtida.