A Asociación de Pesca Recreativa de Burela impulsa un concurso e unha xornada de convivencia

AMariñaXa
A entidade, coa colaboración do Concello e da Fundación Expomar, organiza un certame dirixido á mocidade e unha comida de confraternidade, mentres continúa ampliando a súa actividade e reforzando novos proxectos.
Asociacion-de-Pesca-Recreativa-de-Burela-comida-confraternidade-2025
17 Aug 2026

A Asociación de Pesca Recreativa de Burela continúa avanzando na súa programación estival coa organización de dúas das súas citas máis destacadas do verán. En colaboración co Concello de Burela e coa Fundación Expomar, a entidade celebrará os días 22 e 23 de agosto o seu primeiro Concurso de Pesca Xuvenil e a tradicional Comida de Confraternidade, dúas actividades pensadas para fomentar a participación, promover a afección pola pesca deportiva e fortalecer os lazos entre os socios.

A primeira das citas terá lugar o 22 de agosto coa estrea do Concurso de Pesca Xuvenil, unha iniciativa coa que a asociación busca achegar esta práctica ás novas xeracións e ofrecerlles unha experiencia de aprendizaxe e convivencia arredor do mar.

Ao día seguinte, o 23 de agosto, celebrarase a Comida de Confraternidade de Verán, un encontro destinado a reunir aos integrantes da asociación nun ambiente distendido e reforzar o espírito de grupo que caracteriza á entidade desde a súa creación.

Desde a Xunta Directiva amósanse satisfeitos coa evolución do colectivo, que continúa medrando tanto en número de asociados como na organización de actividades. Neste sentido, destacan tamén a recente reunión mantida co Concello de Burela, na que a Fundación Expomar expresou a súa vontade de contar coa Asociación de Pesca Recreativa de Burela para colaborar en futuras iniciativas vinculadas á actividade da fundación.

A directiva agradece o respaldo recibido tanto por parte dos socios como das institucións colaboradoras, ás que recoñece o seu apoio para seguir desenvolvendo proxectos relacionados coa pesca recreativa e coa dinamización social do municipio. Ademais, anima á veciñanza a participar nas actividades programadas e a seguir contribuíndo ao crecemento dun colectivo que, tras catro anos de traxectoria, continúa consolidándose.

0.14891409873962