A Asociación de Pesca Recreativa de Burela alcanza os 150 socios e prepara un intenso mes de actividades

AMariñaXa
A entidade organizará en agosto o seu primeiro Concurso de Pesca Xuvenil e unha comida de confraternidade, mentres reforza a colaboración co Concello e coa Fundación Expomar
Asociacion-de-Pesca-Recreativa-de-Burela-comida-confraternidade-2025
22 Jul 2026

A Asociación de Pesca Recreativa de Burela continúa consolidando o seu proxecto catro anos despois da súa creación. A entidade vén de superar a cifra dos 150 socios, un fito que, segundo destaca a súa directiva, reflicte o interese crecente que esperta a pesca recreativa e o traballo desenvolvido para promover esta afección no municipio.

Coincidindo con este crecemento, a asociación xa traballa na organización das súas próximas actividades estivais, que contan coa colaboración do Concello de Burela e da Fundación Expomar. A programación inclúe o I Concurso de Pesca Xuvenil, previsto para o 22 de agosto, unha iniciativa coa que se pretende fomentar a práctica desta disciplina entre a mocidade e achegar os máis novos ao mar e ao respecto polo medio mariño.

Ao día seguinte, o 23 de agosto, celebrarase a tradicional comida de confraternidade de verán, unha cita pensada para favorecer o encontro entre os socios e fortalecer os vínculos dunha entidade que segue medrando ano tras ano.

Desde a Xunta Directiva tamén valoran moi positivamente a recente reunión mantida no Concello de Burela coa Fundación Expomar. Nese encontro, a entidade manifestou a súa vontade de contar coa Asociación de Pesca Recreativa de Burela para colaborar en futuras iniciativas relacionadas coa promoción do sector e das actividades vinculadas ao mar.

A asociación agradece o respaldo recibido por parte dos seus socios, aos que dá a benvida aos novos integrantes, así como o apoio prestado polo Concello de Burela e pola Fundación Expomar. Desde a directiva aseguran que seguirán traballando para impulsar novas propostas e contribuír ao desenvolvemento dun proxecto que continúa gañando forza e participación.

0.12194585800171