A asociación de sendeirismo Camiñantes e Camiños de Barreiros fará o Camiño do Mar

AMariñaXa
A primeira cita será este 11 de xaneiro para realizar a etapa entre Reinante e San Martiño, en Foz
090125-Foto-Camiñantes-Barreiros
9 Jan 2025

A asociación cultural de sendeirismo Camiñantes e Camiños de Barreiros anuncia que realiza este ano o Camiño do Mar e que este sábado, 11 de xaneiro, os asistentes farán a etapa de Barreiros a San Martiño, en Foz.

“Despois de facer todos os anos unha ruta a Santiago neste 2025 decidimos realizar a que máis nos identifica ás veciñas e aos veciños de Barreiros, pero tamén ás outras persoas que participan nestas andainas e que proceden de Ribadeo, de Foz, de Trabada, de moitos puntos da Mariña… decidimos facer o Camiño do Mar, aínda que non é oficial pensamos que en breve terá ese recoñecemento. E nós queremos así aportar o noso gran de area, porque lle temos unha grande estima a esta ruta”, explica o presidente de Camiñantes e Camiños, José Manuel Gómez Puente.

Gómez Puente destacou: “O noso concello é atravesado polo Camiño Norte, pero tamén por este Camiño do Mar. Este vindeiro sábado faremos a segunda etapa entre Reinante e San Martiño, en Foz. Sairemos ás nove da mañá das inmediacións da Yenka. Son 18 quilómetros, sen a penas altitude, é case toda plana a andaina. É unha ruta de dificultade baixa-media. Trátase dunha das etapas máis bonitas deste camiño”.

O presidente de Camiñantes e Camiños contou que xa fixeron a primeira etapa entre Ribadeo e Barreiros. Sinala que toda a ruta do Camiño do Mar son 177 quilómetros entre Ribadeo e Neda e van dividilo en 10 etapas ao longo dos seis primeiros meses do ano 2025.

José Manuel Gómez Puente anima a participar nestas andainas: “Recoméndollo a todos os veciños de Barreiros e da Mariña a que nos acompañen nestas andainas. Somos 50 persoas, pero estamos abertos a recibir a máis peregrinos. Para descubrir estes paisaxes que temos na costa cantábrica, que son espectaculares. É unha forma de coñecer os pobos, as tradicións, a cultura destes lugares, imos descubrir a catedral máis antiga de España, que é a Basílica de San Martiño. Moitos xa a coñecemos, pero nesta visita ímola sentir cerca de nós, porque remataremos aí a segunda etapa. Outra etapa moi simbólica, xunto coa deste sábado, será a de San Andrés de Teixido”.

E engadiu: “Convido a todo o mundo a facer este Camiño do Mar con nós. Haberá un ambiente de compañeirismo, de amizade e imos cultivar a convivencia entre as veciñas e os veciños desta comarca”. As persoas interesadas en participar poden inscribirse no seguinte número de teléfono: 623 226 825. Aquelas persoas que fagan as 10 etapas do Camiño do Mar recibirán como agasallo unha camiseta e unha mochila. Desde a asociación Camiñantes e Camiños agradecen a colaboración da Xunta de Galicia.

 

0.13518214225769