'A Arte do Tourette' regresa a Burela cunha xornada gratuíta para mirar máis alá dos tics

AMariñaXa
A Casa da Cultura acollerá o 3 de outubro un encontro aberto ao público con música, un documental, unha actividade interactiva e a participación da neuropsicóloga Roxana Apollonio Cabrera
a-arte-do-tourette-burela-2026
24 Sep 2026

Tourette Galicia regresará a Burela o vindeiro sábado 3 de outubro cunha nova edición de 'A Arte do Tourette', unha iniciativa coa que busca achegar á sociedade a realidade desta síndrome e contribuír a desmontar os estereotipos que aínda existen arredor dela. A principal novidade desta convocatoria será o seu carácter gratuíto, co obxectivo de facilitar a participación de todas as persoas interesadas.

A cita comezará ás 20.00 horas na Casa da Cultura de Burela e combinará divulgación, música, audiovisual e arte. A organización propón así unha aproximación diferente á síndrome de Tourette, poñendo o foco non só nos tics, senón tamén nas historias, capacidades, dificultades e experiencias cotiás das persoas que conviven con esta condición neurolóxica.

Unha das participantes será Roxana Apollonio Cabrera, neuropsicóloga especializada na síndrome de Tourette, colaboradora de Tourette Galicia e ACOVASTTA e vicepresidenta de TTAG. A especialista ofrecerá unha presentación destinada a proporcionar ao público ferramentas para coñecer e comprender mellor esta realidade.

A música terá tamén un papel destacado coa presentación do videoclip 'El Laberinto de Alicia', creado en Burela con motivo do Día da Concienciación da Síndrome de Tourette. A peza nace dunha historia real e do vínculo entre irmáns, empregando a música e a imaxe como ferramentas para sensibilizar, emocionar e favorecer un cambio de mirada.

Outro dos momentos da noite será a proxección do documental 'Con moito Tourette', que relata a historia dunha persoa con Tourette que atopa na arte unha vía para expresarse. Ademais, o público deixará de ser un mero espectador para participar nunha actividade interactiva integrada na propia xornada.

Deste xeito, 'A Arte do Tourette' pretende mostrar tanto os tics visibles como aqueles que pasan máis desapercibidos, pero tamén falar de inclusión, talento, superación e vida cotiá. "Queremos que a sociedade vexa máis alá do tic. Detrás de cada persoa con Tourette hai unha historia, capacidades, dificultades, emocións e moito que contar. Coñecer é o primeiro paso para comprender e incluír", explicaron desde a organización.

A entrada será libre e gratuíta. Non obstante, aquelas persoas que desexen apoiar o traballo da asociación poderán realizar unha doazón voluntaria a Tourette Galicia mediante Bizum, co código 14544. A entidade sinala que estas achegas contribúen a desenvolver novos proxectos, acompañar as familias e continuar dando visibilidade á síndrome.

Tourette Galicia agradeceu igualmente a colaboración do Concello de Burela para facer posible o encontro, así como a implicación de Roxana Apollonio Cabrera e do resto das persoas participantes.

Desde o Concello destacaron a importancia de apoiar iniciativas que permitan dar a coñecer unha realidade aínda pouco visible e combater prexuízos. Tamén valoraron especialmente que esta tarefa se desenvolva a través da arte, a música e o audiovisual, recursos que consideran útiles para "mirar máis alá do tic e coñecer as historias e as persoas que hai detrás".

0.1492178440094