A ANPA do CEIP Castro de Ouro denuncia a manipulación de datos da Consellería de Educación

AMariñaXa
A ANPA asegura que esta non é a primeira vez que a Consellería altera os números á súa conveniencia
Ceip-Castro-de-Ouro-folga
1 Feb 2025

A Asociación de Nais e Pais do CEIP Castro de Ouro de Alfoz denuncia publicamente o que considera unha estratexia de manipulación de datos por parte da Consellería de Educación. “Desde o inicio deste conflito, a Xunta vén aplicando unha estratexia para confundir ás familias, á comunidade educativa e agora tamén á Valedora do Pobo”, afirman desde a ANPA.

O último episodio desta situación, segundo denuncian, foi a resposta enviada pola Consellería á Valedora do Pobo, onde se afirma que o centro conta con 27 alumnos, cando a realidade é que a cifra alcanza os 39 escolares. “Este falseamento de datos busca minimizar a gravidade da situación e evitar asumir as súas responsabilidades no cumprimento da normativa vixente”, critican as familias.

A ANPA asegura que esta non é a primeira vez que a Consellería altera os números á súa conveniencia. “En cada reunión que mantivemos foron dando cifras distintas sobre o alumnado matriculado”, indican, lembrando que incluso na resposta parlamentaria do conselleiro os datos presentados non coincidían coa realidade do centro. Agora, denuncian, a Xunta fai o mesmo na súa comunicación coa Valedora do Pobo, “presentando unha cifra manipulada para xustificar a falta de recursos”.

Outro dos puntos que destacan é a omisión por parte da Consellería do impacto dos alumnos con necesidades de apoio educativo, que deberían ser tidos en conta no cálculo das ratios. “Esta omisión intencionada busca xustificar a falta de docentes, cando en realidade os recursos actuais son claramente insuficientes para garantir unha atención educativa adecuada”, aseguran desde a ANPA.

A propia Valedora do Pobo recoñeceu que a situación do centro é excepcional e recomendou que se cumprira o Acordo do 10 de xullo de 2009 sobre agrupamentos, que impide mesturar alumnos de distintos ciclos cando a cifra supere os 12. Os sindicatos tamén denunciaron este incumprimento ante os tribunais. “A resposta da Xunta pretende esquivar esta realidade con datos falsos e argumentos inconsistentes”, critican as familias.

Ademais, a ANPA considera que detrás desta estratexia hai unha intención de evitar calquera rectificación por parte da Consellería. “Nun contexto no que a presión mediática sobre este caso está sendo utilizada pola administración como represalia contra as familias, tratar de enganar á Valedora do Pobo de forma tan descarada é unha actuación mal intencionada e irresponsable”, afirman. “As familias non imos calar ante esta manipulación e imos seguir loitando para que os nosos fillos e fillas teñan a educación que merecen”.

A ANPA do CEIP Castro de Ouro esixe que a Consellería rectifique de inmediato os datos presentados e recoñeza a realidade do centro. “Sobre todo tras sermos coñecedores de que outros centros educativos, con números similares aos nosos, contan non só cun mestre máis, senón con dous”, recalcan. Tamén denuncian a falta dunha especialista en Pedagoxía Terapéutica, retirada neste curso a pesar de que no centro hai alumnado con necesidades específicas.

Por este motivo, a ANPA anuncia que seguirá denunciando todas as irregularidades e falsidades da administración. Como parte desta loita, enviarán unha nova carta á Valedora do Pobo solicitando o seu amparo e esixindo que a Consellería rectifique os datos manipulados e cumpra coa legalidade vixente. “Os dereitos do noso alumnado non son negociables”, conclúen.

0.19184994697571