A ANPA do CEIP Castro de Ouro denuncia "a falta de interese real por parte da administración nas dificultades educativas"

AMariñaXa
As familias denuncian que “non só non se reuniu coa dirección do centro, senón que tamén evitou calquera contacto coa orientadora”
ANPA-CEIP-Castro-de-Ouro-de-Alfoz
26 Oct 2024

Despois de semanas de mobilizacións e presión por parte das familias, os nenos do CEIP Plurilingüe Castro de Ouro volveron ás aulas por responsabilidade dos pais. Porén, este regreso produciuse baixo a ameaza de expedientes de absentismo, “unha medida que a administración empregou para debilitar a loita das familias, en lugar de buscar solucións reais aos problemas educativos que afectan ao centro”, indican as familias.

O que resulta aínda máis "preocupante e indignante" para as familias foi o sucedido o pasado mércores, cando as familias decidiron que os seus fillos volvesen ás aulas. A inspectora de educación, que leva o control deste colexio, visitou o centro cunha única e clara intención: contar o número de nenos presentes nas aulas.

“Este feito parécenos denigrante e unha auténtica falta de respecto ás familias”, indican desde a ANPA e engaden, “no canto de acudir para dialogar ou para avaliar as necesidades educativas do centro, que levan máis dun mes sendo ignoradas, limitouse a verificar se as familias enviaran os seus fillos ao colexio”, sen preocuparse polos verdadeiros problemas, “unha razón mais para afirmar que para a Xunta os nosos filles e fillas son simples números”, conclúen.

As familias denuncian que “non só non se reuniu coa dirección do centro, senón que tamén evitou calquera contacto coa orientadora”, que ese día estaba no colexio, e, o que resulta aínda máis grave, non quixo falar coas familias, “nin sequera houbo un aviso da súa visita”, subliñan.

Este comportamento demostra "a falta de interese real por parte da administración nas dificultades educativas que levan semanas sendo denunciadas". As peticións da ANPA son claras e sostidas, “esiximos a incorporación inmediata dunha especialista en Pedagoxía Terapéutica (PT) para atender adecuadamente ao alumnado con necesidades educativas especiais”.

Ademais, “pedimos que se realice unha avaliación das necesidades do centro por parte da administración, de maneira transparente e colaborativa”, e que se establezan os recursos necesarios para garantir unha educación de calidade para todos os alumnos e alumnas.

Para as familias, resulta "incrible que, tras todo este tempo de solicitudes para que alguén da Xunta acudira ao centro a avaliar a situación, especialmente as necesidades dos nenos con atención educativa especial, a única resposta da administración sexa mandar a unha inspectora cuxa única función foi verificar se os nenos acudiran ao colexio. Non lles importa o benestar dos nenos, só queren controlar e coartar o noso dereito a protestar”.

As familias do do CEIP Plurilingüe Castro de Ouro están profundamente indignadas por esta cuestión, e “o comportamento da Xunta non fai máis que reafirmar a nosa determinación de continuar coa loita”, indican. O que as familias reclaman é un compromiso serio coa educación dos seus fillos e fillas, “non visitas inútiles que non achegan ningunha solución aos problemas que estamos a sufrir”.

As familias do CEIP Castro de Ouro non deixarán de loitar ata que se cubran as necesidades do centro. Nese sentido, reiteran o seu apoio á Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público e anuncian a súa participación na manifestación en Santiago de Compostela, con saída da Alameda, onde farán "visible, unha vez mais, o noso rexeitamento ao abandono da educación pública no rural, esixindo unha educación digna e de calidade para todos os nenos e nenas".

0.1651291847229