A Anpa do Castro de Ouro de Alfoz volve a manifestarse na defensa da súa educación

AMariñaXa
A protesta deste luns será a terceira mobilización organizada pola ANPA e a comunidade educativa, que advirten que non se deterán ata que a Xunta atenda as súas demandas
manifestación-Castro-de-Ouro-de-Alfoz
29 Sep 2024

A Asociación de Nais e Pais de Alumnos (ANPA) do CEIP Plurilingüe Castro de Ouro de Alfoz organiza unha nova concentración este luns, 30 de setembro, ás 9.30 horas, diante do colexio. A comunidade educativa reclama á Xunta de Galicia unha resposta inmediata ás súas demandas, que aseguran levar tempo sen atenderse. Na semana anterior, a ANPA enviou cartas ao presidente da Xunta, Alfonso Rueda; ao conselleiro de Educación, Román Rodríguez; e á Valedora do Pobo, Dolores Fernández Galiño, nas que solicitaban o cumprimento do acordo de agrupamentos e a reposición da praza de Pedagoxía Terapéutica (PT), eliminada neste curso escolar. Segundo a ANPA, aínda non recibiron ningunha resposta oficial ás súas reclamacións.

A asociación mostra a súa frustración pola falta de compromiso por parte das autoridades educativas e advirten que non poden permitir que a situación continúe sen solución. "Vemos como en outros centros si se están a achegar solucións", afirman, mentres critican o silencio da Xunta. "As familias pídennos que non abandonemos a loita ata que se resolvan as nosas demandas", engaden desde a ANPA.

Tanto as familias como o profesorado do CEIP Castro de Ouro amosan a súa preocupación polo impacto que esta situación pode ter no alumnado. Se non se respectan os acordos, advirten, a carga de traballo nas aulas podería aumentar, dificultando unha atención adecuada ao alumnado de diferentes idades. Ademais, a eliminación da praza de PT afecta á calidade da atención educativa para os nenos que máis o precisan, afectando así a toda a comunidade escolar.

A protesta deste luns será a terceira mobilización organizada pola ANPA e a comunidade educativa, que advirten que non se deterán ata que a Xunta atenda as súas demandas. “Non imos aceptar que se xogue co futuro dos nosos fillos e fillas”, sinalan, facendo un chamamento a toda a veciñanza, ás familias e ao profesorado para que se unan á concentración en defensa dunha educación inclusiva e de calidade.

0.12253999710083