A ampliación do hospital de Burela entra nunha nova fase con 33,5 millóns de euros

AMariñaXa
As fases 2 e 3 permitirán gañar 3.000 metros cadrados e modernizar amplas áreas asistenciais do centro de Burela
Hospital-publico-Mariña-Costa-Burela-2026
17 Feb 2026

O Consello da Xunta de Galicia deu luz verde á licitación das fases 2 e 3 das obras de reforma e ampliación do Hospital Público da Mariña, unha actuación que suporá un investimento de 33.565.265 euros. Así o anunciou o presidente do Executivo galego, Alfonso Rueda, quen lembrou que este hospital comarcal atende arredor de 70.000 persoas da Mariña lucense.

Co desenvolvemento destas novas etapas, o centro sanitario gañará outros 3.000 metros cadrados de superficie. Sumados á primeira fase, xa rematada e dotada con 12,5 millóns de euros, o complexo hospitalario incrementará nun 50% o seu tamaño respecto ao edificio orixinal. Ademais, acometerase a renovación de preto de 9.500 metros cadrados de espazos xa existentes.

As obras, cun prazo estimado de execución de 36 meses desde a súa adxudicación, permitirán avanzar na modernización integral das instalacións e optimizar a atención sanitaria nun hospital clave para a comarca. A previsión da Xunta é que os traballos comecen ao longo deste ano.

Novo edificio e mellora de servizos

O proxecto inclúe a construción dun inmoble anexo de dúas plantas. Na baixa situaranse as dependencias de mantemento e a Unidade de Prevención de Riscos Laborais, mentres que o primeiro andar albergará un salón de actos e unha área específica para docencia e formación.

En paralelo, reformaranse numerosos espazos do edificio actual. Na planta baixa habilitaranse novos laboratorios e actualizaranse áreas como Anatomía Patolóxica e o Hospital de Día polivalente, ademais de mellorar consultas, cafetería, almacéns e vestiarios.

No primeiro andar ampliaranse e renovaranse Admisión, Urxencias e Diagnóstico por Imaxe, así como as consultas polivalentes e as áreas de Coidados Paliativos, Medicina Preventiva e Hospitalización a Domicilio. No segundo piso modernizaranse os quirófanos de Cirurxía Maior Ambulatoria, as unidades de recuperación postanestésica e os servizos de Pediatría e Coidados Intensivos.

As intervencións completaranse nas plantas superiores, onde se mellorarán os espazos para persoal de garda e servizos administrativos, ademais da actualización integral das instalacións técnicas e dos ascensores.

A culminación do Plan director, xunto coas actuacións en eficiencia enerxética e a renovación do equipamento, elevará o investimento total ata os 50 millóns de euros. O hospital pasará así dos 17.600 metros cadrados iniciais a superar os 26.000, reforzando o compromiso da Xunta cun sistema sanitario público moderno e adaptado ás necesidades actuais.

⚙ Configurar cookies
0.079871892929077