A alfocega Iria Braña resultou gañadora do VII Premio de poesía Filomena Dato coa obra ‘Un xardín no espazo da linguaxe’

A lucense Iria Braña, natural de Alfoz, resultou gañadora do VII Premio de Poesía Filomena Dato, convocado polo Concello de Bergondo, grazas ao poemario ‘Un xardín no espazo da linguaxe’.
O xurado, integrado pola alcaldesa Alejandra Pérez Máquez, presidenta (sen voto); Antía Otero como secretaría; Leticia Mª Rey como funcionaria; e Dores Tembrás, Lucía Aldao e Emma Couceiro como vogais, deliberaron a vitoria do conxunto poético de Iria Braña valorando do mesmo “a presenza de temas clásicos revisados dende unha óptica propia e atendendo aos seus puntos cegos, a conciencia da arquitectura do poema en especial nos seus feches, o control da macroestructura, o traballo con elementos transversais como a cerimonia e o rito e a introdución de conceptos musicais que constrúen un imaxinario”.
O premio ten unha dotación económica de 2.500 euros e a publicación da obra pola editora Apiario na colección de poesía Filomena Dato. Apiario é a encargada de coordinar este concurso de poesía e tamén levará a cabo a publicación da obra gañadora asumindo todo o proceso: deseño, imprenta, distribución e promoción.
A través deste galardón, o Concello de Bergondo suma o seu gran de area na promoción de certames que impulsan a creación poética en galego, así como a manter en vigor a figura histórica de Filomena Dato Muruais (1865-1926), muller fundamental no movemento literario do Rexurdimento e á que se lle dedicará o ano 2026.
Iria Braña López (1995), natural de Alfoz (Lugo), cursou estudos de Filoloxía Clásica na Facultade de Santiago de Compostela, que complementou co Minor en Teoría e Crítica Literaria da mesma facultade. Este mesmo ano 2026 gañou o primeiro premio do certame Francisco Añón de poesía, impulsado polo Concello de Outes.