A alcaldesa de Cervo pide á Deputación que asuma a ampliación e a xestión do Museo do Mar de San Cibrao

AMariñaXa
A proposta do goberno local foi aprobada por unanimidade no pleno, mentres o Concello se compromete a ceder a edificación anexa e humanizar a contorna do museo con fondos propios
museo-do-mar-alcaldesa-Cervo
20 Oct 2026

O Museo do Mar de San Cibrao podería afrontar unha nova etapa cunha ampliación e un modelo de xestión unificado. O Concello de Cervo aprobou por unanimidade no pleno municipal unha proposta para solicitar á Deputación de Lugo que asuma tanto a execución desta actuación como a xestión do complexo museístico.

A iniciativa busca integrar as instalacións actuais e a futura ampliación nun único equipamento, cun funcionamento coordinado que permita evitar duplicidades e aproveitar os recursos públicos de maneira eficiente. O museo é un espazo de referencia para a conservación e difusión do patrimonio histórico, cultural e mariñeiro de San Cibrao.

Para facilitar o proxecto, o Concello lembra que nos últimos anos impulsou diferentes actuacións, entre elas a adquisición de terreos anexos ao museo. Ademais, ofrece ceder á Deputación a edificación contigua situada nesa parcela para que a institución provincial poida acometer a ampliación e asumir a xestión do conxunto.

Pola súa banda, o goberno local prevé executar con fondos propios a humanización da contorna do museo, co obxectivo de mellorar o espazo e a súa integración no núcleo urbano de San Cibrao.

O Concello reclama abrir unha vía de diálogo

A alcaldesa de Cervo, Dolores García Caramés, pide á Deputación que dea cumprimento ao acordo plenario e abra unha vía de diálogo para concretar os próximos pasos. A rexedora defende que a ampliación e a xestión unificada permitirían dotar o museo dunha planificación común e adaptada á relevancia do patrimonio marítimo do municipio.

O acordo aprobado reclama tamén que ambas as administracións definan a fórmula xurídica e administrativa máis axeitada para facer efectiva a colaboración. O Concello agarda que o respaldo unánime da Corporación facilite avanzar nunha solución que permita materializar a ampliación e garantir o futuro do Museo do Mar como referente cultural e patrimonial de Cervo.

0.13003396987915