A agrupación socialista de Xove destaca os investimentos da Deputación e reivindica a mellora das infraestruturas locais

O Grupo Municipal Socialista de Xove puxo en valor o papel que está a desempeñar a Deputación de Lugo no desenvolvemento e mantemento das infraestruturas do municipio, destacando especialmente os traballos de conservación da rede viaria provincial e os investimentos comprometidos para os vindeiros meses.
Desde a formación socialista subliñan que a institución provincial iniciou recentemente as tarefas de limpeza e desbroce nas marxes e beirarrúas das estradas da súa titularidade ao paso polo concello. Segundo explican, estas actuacións contribúen a reforzar a seguridade da circulación, mellorar a visibilidade nas vías e favorecer unha imaxe máis coidada do municipio coincidindo coa chegada da tempada estival.
O PSdeG tamén resaltou a importancia das actuacións previstas na zona das Gulpilleiras, na parroquia da Rigueira, unha intervención financiada a través do Plan Único e que mobilizará un investimento global de 332.887 euros. Segundo lembran os socialistas, máis do 61 % desta contía será achegada pola Deputación, cunha participación económica que supera os 206.000 euros.
A este respecto, a agrupación considera que estas actuacións evidencian a implicación da institución provincial co municipio e rexeita as críticas realizadas polo alcalde, Demetrio Salgueiro, sobre unha suposta falta de apoio a Xove. Os socialistas sosteñen que os investimentos e proxectos en marcha reflicten unha colaboración continuada coa administración local.
Por outra banda, o grupo municipal avanzou que nos próximos días está previsto o inicio de novas actuacións de aglomerado en varias estradas do concello incluídas no convenio de colaboración subscrito entre a Deputación e o Concello. Este acordo contempla un investimento total de 1,63 millóns de euros ata o ano 2028 para mellorar diferentes vías municipais.
Entre as actuacións programadas para este exercicio figuran as melloras na estrada entre Xove e Gulpilleiras, o tramo comprendido entre A Tronca e O Tarolo pasando por Regosanguento, así como a vía que conecta Xove con Morás. A formación socialista considera que estes traballos permitirán modernizar infraestruturas que presentan un notable desgaste debido ao paso do tempo e á falta de actuacións de conservación.
Desde o PSdeG conclúen que a cooperación entre administracións resulta esencial para impulsar proxectos que repercutan directamente na calidade de vida da veciñanza. Neste sentido, aseguran que os investimentos promovidos pola Deputación constitúen unha mostra do compromiso institucional co desenvolvemento do municipio e coa mellora dos servizos públicos.