A adrenalina do Enduro Monte Castelo volve a Burela cunha edición histórica

O Concello de Burela será, un ano máis, o escenario da carreira Enduro Monte Castelo. Nesta quinta edición, o evento marcará un fito na súa historia ao integrarse na Copa de España de Enduro, converténdose nunha proba de referencia a nivel estatal. A organización corre a cargo do Club Ciclista Cerezo Bikes, co apoio do Concello, da Deputación e do comercio local.
Un dos grandes atractivos da competición é a súa innovadora combinación de enduro de montaña con descenso urbano, sendo a primeira proba en España en apostar por esta modalidade. O percorrido incluirá catro tramos cronometrados no monte e un quinto tramo completamente urbano, que transformará as rúas de Burela nun circuíto repleto de estruturas de madeira para o espectáculo dos corredores e espectadores.
O programa do evento arrancará o sábado 12 de abril cunha xornada de adestramentos no tramo urbano, permitindo aos asistentes gozar dun adianto da competición. Pola noite, a Praza do Concello acollerá un concerto do grupo Louband, engadindo un toque festivo á fin de semana. A carreira oficial disputarase o domingo 13 ao longo de toda a mañá.
A alcaldesa de Burela, Carmela López, destacou a relevancia deste evento para a localidade: “O Enduro Monte Castelo non só coloca a Burela no panorama deportivo nacional, senón que tamén xera un impacto positivo no comercio e na hostalería local”. Ademais, quixo poñer en valor o traballo do Club Ciclista Cerezo Bikes, cuxos membros “traballan durante todo o ano para manter o monte en óptimas condicións, facendo de Burela un destino perfecto para a práctica do enduro”.
Pola súa banda, o presidente do club organizador, Jaime Seijas, manifestou o orgullo de traer a quinta edición desta proba a un nivel máis alto: “O V Enduro Monte Castelo é o primeiro evento en España que combina un enduro de montaña cun descenso urbano. Agardamos unha gran afluencia de público e participantes, facendo desta edición un auténtico espectáculo deportivo”.
Con esta iniciativa, Burela consolídase como un referente no mundo do ciclismo de montaña, promovendo tanto o deporte como o turismo na vila.