ACRUGA convoca eleccións para o sábado 31 de outubro

GaliciaXa | LugoXa | TerraChaXa | SarriaXa | AMariñaXa | RibeiraSacraXa
O prazo para a presentación de candidaturas permanecerá aberto desde o 25 de setembro ata o 2 de outubro, en horario de oficina
subasta-acruga-seoane
20 Sep 2026

A Asociación Nacional de Criadores de Gando Vacún Selecto de Raza Rubia Galega (ACRUGA) celebrará o vindeiro 31 de outubro as súas eleccións para renovar a Xunta de Goberno durante os próximos catro anos. A xornada electoral terá lugar no Hotel-Restaurante Torre de Núñez, en Lugo, onde os socios poderán exercer o seu dereito a voto entre as 09:00 e as 18:00 horas.

O proceso electoral ponse en marcha unha vez cumpridos os catro anos de mandato da actual Xunta de Goberno, tal e como establece o artigo 21 dos Estatutos Sociais da asociación. Algo máis de 1.000 socios e socias están chamados a participar nesta convocatoria.

O prazo para a presentación de candidaturas permanecerá aberto desde o 25 de setembro ata o 2 de outubro, en horario de oficina, na sede de ACRUGA. As candidaturas deberán ser pechadas e estar integradas por socios da asociación que se atopen ao corrente do pagamento das cotas. Cada lista deberá incluír os nomes das persoas que opten aos distintos cargos da Xunta de Goberno, que estará formada por unha Presidencia, unha Vicepresidencia, unha Secretaría, unha Tesourería, unha Intervención e entre dúas e seis vogalías.

Unha vez finalizado o prazo de presentación, o Comité Electoral revisará as candidaturas e determinará cales cumpren os requisitos establecidos. A resolución sobre a súa admisión farase pública o 6 de outubro. As candidaturas poderán presentar recurso ata as 14.00 horas do 9 de outubro e estes recursos serán resoltos antes das 15.00 horas do 14 de outubro. A partir dese momento, as candidaturas serán firmes.

A campaña electoral desenvolverase entre o 15 e o 31 de outubro. Desde o inicio deste período, as candidaturas terán acceso ao listado de socios, que poderá utilizarse exclusivamente para cuestións relacionadas co proceso electoral.

A normativa establece que todos os socios de ACRUGA poderán exercer o seu dereito a voto mediante a presentación do DNI o día das eleccións. Non se contempla o voto anticipado, aínda que si a posibilidade de delegar o voto noutro socio. Para iso será necesario utilizar o formulario normalizado que a asociación poñerá á disposición dos socios e achegar a documentación requirida.

A xornada electoral contará con dúas mesas de votación, constituídas por tres membros cada unha, ademais dun interventor por cada candidatura que solicite a súa presenza. Os presidentes e vicepresidentes das mesas serán elixidos mediante sorteo ante notario o 6 de outubro.

A votación realizarase mediante papeletas normalizadas nas que figurarán os nomes e apelidos dos integrantes de cada candidatura. As papeletas estarán dispoñibles nas oficinas de ACRUGA desde o 15 de outubro e tamén durante a propia xornada electoral no Hotel-Restaurante Torre de Núñez.

Unha vez pechadas as urnas, comezará de forma inmediata o escrutinio, que será público. Os resultados das dúas mesas serán posteriormente unificados polo Comité Electoral, que emitirá a acta correspondente co nomeamento dos cargos electos.

Segundo a normativa aprobada para o proceso, resultará elixida a candidatura que obteña o maior número de votos, sen posibilidade de agrupar os apoios obtidos por diferentes listas. No caso de que unicamente se presente unha candidatura, o Comité Electoral poderá declarar directamente o seu nomeamento como nova Xunta de Goberno.

O proceso estará supervisado por un Comité Electoral integrado por tres membros. Forman parte do mesmo os socios Pedro Fontal Regueiro e Antonio Abuin Sánchez, ademais da secretaria executiva de ACRUGA, Laura Arias González. A súa función será garantir o cumprimento das normas establecidas e resolver as posibles incidencias que poidan xurdir durante o procedemento electoral.

0.14184498786926