52 equipos daranse cita no XVI Torneo Internacional de Veteranos de Ribadeo
O salón de plenos do Concello acolleu a presentación do XVI Torneo Internacional de Veteranos que se celebrará os días 28 e 29 de maio. No evento, que organiza a Asociación Deportiva de Veteranos do Ribadeo FC, participan 52 equipos chegados desde Bélxica, Reino Unido, Portugal e diferentes puntos do Estado. Son máis de 1.000 persoas as que de venres a domingo encherán os hoteis e os restaurantes de Ribadeo.
O xerente da Asociación de Comerciantes, Industriais, Servizos e Autónomos, Jesús Pérez, dixo que “desde Acisa Ribadeo queremos darlle a noraboa aos Veteranos de Ribadeo por levar a cabo este torneo, que é moi importante para Ribadeo. Estamos a falar de máis de 50 equipos, de máis de 1.000 xogadores polo que isto vai ter unha repercusión, sen dúbida, na hostalería local, especialmente na de Ribadeo, moi grande. Venres, sábado e domingo os bares, os restaurantes e os hoteis estarán cheos e ademais este evento pon a Ribadeo nun lugar bastante importante porque é referente a nivel de España na organización deste tipo de torneos. Tamén é interesante pola importancia que se lle dá a Ribadeo dentro da comarca porque estes partidos vanse xogar en varios campos de diferentes municipios e polo tanto vamos ser sede dun evento moi importante. Así que queremos agradecer que nos permitan colaborar con eles un ano máis e desexarlles o mellor”.
E o presidente dos Veteranos do Ribadeo FC, Juan Rodríguez Peceux, comentou que “desde a Asociación Deportiva dos Veteranos do Ribadeo FC só nos queda agradecer a todas as institucións que colaboran con nós así como aos distintos clubs e Concellos que nos ceden os campos a axuda que nos prestan para poder celebrar este torneo xa que sen esta axuda sería moi complicado poder ter esta infraestrutura da que dispoñemos a día de hoxe. Tamén hai que facer mención a que son moitos os compañeiros da asociación que traballan durante este torneo porque hai que facer moitas cousas que non se ven. Esperamos que todo saia ben, que non se manque ninguén, que é o principal, e toda esta xente que veña aquí sexa un motor económico para toda a comarca, que despois destes tempos vividos será importante tamén”.