23 clubs de toda Galicia participaron no Campionato Galego de Remoergómetro de Ribadeo
Ribadeo foi escenario este domingo, 11 de febreiro, do Campionato Galego de Remoergómetro, organizado polo Club de Remo de Ribadeo, a Federación Galega de Remo e o Concello de Ribadeo coa colaboración da Área de Mocidade da Vicepresidencia da Deputación de Lugo.
No evento deportivo participaron 23 clubs chegados desde diferentes puntos de Galicia con case 300 deportistas de distintas categorías -desde alevín ata veteranos.
Na entrega de premios participaron a presidenta da Federación Española de Remo, Asunción Loriente, o presidente da Federación Galega de Remo, José Luis Méndez, o presidente do Club de Remo de Ribadeo, Jesús Carreira, o alcalde ribadense, Daniel Vega, o concelleiro de Deportes, Francisco José Silvent, e o edil do BNG, Pablo Vizoso.
O alcalde, Dani Vega, tivo palabras de felicitación para todas as vencedoras e vencedores, en especial para o Club de Remo de Ribadeo, que subiu varias veces ao podio.
O deputado de Mocidade Daniel García achegouse ata o pavillón polideportivo ribadense e parabenizou ao club ribadense "que co traballo diario e os resultados deportivos, pero tamén coa organización de eventos deste nivel, segue reforzando o sue papel referencial no remo galego" e ratificou o apoio da Vicepresidencia da Deputación de Lugo ao deporte de base, como actividade competitiva e como contribución a un ocio activo e saudable para a mocidade.