216 padexeiros participarán esta fin de semana da Travesía de Foz organizada polo club Kayak de Foz
Foz acollerá o sábado, 15 de xuño, a 62ª edición da proba de piragüismo Travesía de Foz, organizada polo club Kayak de Foz.
O deputado de Mocidade, Daniel García, participou na presentación da competición, que segue sumando edicións como unha das máis veteranas do calendario estatal.
A proba, que puntúa para a Liga Galega, contará este ano coa participación de 216 padexeiros das categorías cadete, xuvenil, senior e veterano, masculina e feminina, de 20 clubs de Galicia, na grande maioría, pero tamén de Asturias e Madrid.
O Club Ría de Betanzos, con 32 padexeiros e 21 embarcacións, e o Club Náutico de Cobres, con 25 palistas e 19 embarcacións son os que contarán con maior representación na competición, na que tamén tomarán parte os anfitrións, o Club Fluvial de Lugo, o Cidade de Lugo, o Altruan de Ribadeo e o Viveiro Urban Hotel.
Daniel García parabenizou ao Club Kayak “pola organización dunha nova edición desta cita histórica que demostra a tradición dos deportes de auga na Mariña e en Lugo” e valorou “a contribución destas probas á promoción do deporte, a valorización do noso entorno natural, e ao dinamismo social das localidades que as acollen”.
A área de Deportes achega 7.000 euros á celebración da proba, reforzando o apoio aos clubs de piraguismo da provincia con axudas directas para a actividade competitiva e coa organización da Copa Deputación de Piragüismo.