A Deputación volverá celebrar en maio as rutas gratuítas polo románico
A Deputación de Lugo lanza a terceira edición do programa de actividades gratuítas con motivo do Día da Transrománica, que se celebra o 9 de maio. Son 16 rutas guiadas gratuítas polo patrimonio románico da provincia que se desenvolveran ao longo de cinco xornadas do mes de maio.
As visitas faranse os días 6, 7, 9, 13 e 14 de maio e estarán dirixidas por un guía oficial de turismo. Cada itinerario conta cun máximo de 25 prazas, polo que no conxunto do programa ofértanse un total de 400 prazas.
As inscricións poderán facerse na web http://inscricions.deputacionlugo.org dende este mesmo venres, 28 de abril, ata completar o aforo. Para máis información, as persoas interesadas poden chamar aos teléfonos 982.260.011 e 982.260.234, ou dirixirse ao correo electrónico romanico@deputacionlugo.org
A Deputación de Lugo ingresou no 2020 na Ruta da Transrománica, recoñecida oficialmente co selo de Itinerario Cultural do Consello de Europa, o que situou ao románico lucense no nivel máis alto de recoñecemento europeo.
Promoción europea
A Ruta Transrománica na que ingresou a Deputación de Lugo está recoñecida oficialmente co selo de Itinerario Cultural do Consello de Europa e trátase dunha das principais rutas culturais paneuropeas. Está integrada por rexións de 9 países da Unión Europea -Austria, Alemaña, Francia, Italia, Romanía, Portugal, Serbia, Eslovaquia e España- e aglutina un conxunto de monumentos románicos, moitos deles declarados Patrimonio da Humanidade pola UNESCO.
A provincia de Lugo é o terceiro lugar de toda España que forma parte desta entidade, despois de Castela e León, co mosteiro de Santo Domingo de Silos, e a cidade de Zamora, e conta na súa ruta con 10 igrexas de arte románico situadas noutros tantos concellos da Ribeira Sacra: o mosteiro do Divino Salvador, en Ferreira de Pantón; a igrexa de San Xoán da Cova, en Carballedo; a igrexa de Santa María de Nogueira de Miño, en Chantada; a igrexa de San Pedro de Ribas Altas, en Monforte de Lemos; a igrexa de San Facundo de Ribas de Miño, en Paradela; a igrexa de San Nicolás ou San Xoán, en Portomarín; a igrexa de Santa María de Torbeo, en Ribas de Sil; a igrexa de Santo Estevo de Ribas de Miño, no Saviñao; a igrexa de Santa María de Proendos, en Sober; e a igrexa de Santa María de Taboada dos Freires, en Taboada.
PROGRAMACIÓN
Sábado, 6 de maio
- 10:30 horas. O románico nas Terras da Ulloa: Antas de Ulla.
- 10:30 horas. Basílica de San Martiño de Mondoñedo, en Foz.
- 16:30 horas. O románico de Taboada.
- 16:30 horas. O románico nas Terras da Ulloa: Palas de Rei e Monterroso
Domingo, 7 de maio
- 10:30 horas. Pantón: A ruta do monacato feminino.
- 11:00 horas. O románico na contorna do Miño e o Camiño de Santiago: Portomarín e Paradela.
- 16:30 horas. Sarria: o románico no Camiño Francés.
- 16:30 horas. O Saviñao: románico con vistas ao Miño.
Martes, 9 de maio (Día da Transrománica)
- 11:00 horas. A Catedral de Lugo e a o burgo medieval.
Sábado, 13 de maio
- 10:30 horas. O románico en Chantada.
- 10:30 horas. Monforte na historia.
- 16:30 horas. O románico no Xeoparque das Montañas do Courel.
Domingo, 14 de maio
- 10:30 horas. O románico de Sober.
- 11:00 horas. Santa María de Meira.
- 16:30 horas. O románico do Lugo rural e Guntín.
- 17:00 horas. Os tempos dourados de Afonso IX. Visita a unha importante vila medieval do Reino de Galicia: Viveiro.