Produtores de queixo e mel, recoñecidos un ano máis pola súa calidade

TerraChaXa | LugoXa | AMariñaXa
Entrega dos premios da XXV Cata dos Queixos e da XXI Cata dos Meles de Galicia no pazo de Quián, en Sergude (Boqueixón).
premiados queixo mel_portada
17 Dec 2022

O conselleiro do Medio Rural, José González, acompañado do director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, José Luis Cabarcos, e do director xeral de Gandaría Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros, presidiu este mediodía a entrega dos premios da XXV Cata dos Queixos e da XXI Cata dos Meles de Galicia. Neste acto, que tivo lugar no pazo de Quián, en Sergude (Boqueixón), o conselleiro reafirmou o compromiso de toda a Xunta pola promoción e pola protección das producións de calidade de Galicia. Un compromiso que, salientou, plásmase na aposta por Galicia Calidade, que definiu como “a nosa marca de identidade”.

Nesta liña, José González lembrou que con este distintivo o Goberno galego leva xa traballando 25 anos e “agardamos seguir avanzando outros 25 anos máis”, remarcou. E engadiu que dentro desta marca a sección específica Galicia Calidade Alimentaria englobará produtos alimentarios con excelencia recoñecida, afondando tamén na súa promoción.

Investimento en promoción

Neste contexto, o conselleiro debullou na súa intervención estas dúas patas -a promoción e protección- da calidade alimentaria galega. En relación coa primeira, recordou que nese eido vanse investir ao longo do 2023 preto de 5,5 millóns de euros. Con eles, dixo, apoiarase a presenza dos produtos agroalimentarios galegos en feiras, tanto nacionais como internacionais.

Tamén se fomentarán os ciclos curtos a través de soportes como internet e, nesta liña, salientou que xa está funcionando o mercado dixital oficial destas producións, “Experiencias de calidade”. E, así mesmo, continuarase apoiando o labor de promoción dos consellos reguladores dos distintos selos de calidade, incluídos -destacou- as denominacións de orixe protexidas dos queixos Arzúa-Ulloa, Tetilla, San Simón da Costa e Cebreiro e o da Indicación Xeográfica Protexida Mel de Galicia.

No mesmo ámbito da promoción, José González referiuse á recente celebración da segunda edición da mostra Galicia Etiqueta Calidade, un encontro sectorial que permitiu conectar produtores con distribuidores e mesmo con consumidores, todo reforzado coa campaña homónima posta en marcha hai un ano e que continúa facendo promoción das producións galegas.

Protección da calidade

Con respecto á protección da calidade alimentaria, o conselleiro incidiu na importancia dos 36 selos de calidade diferenciada cos que conta Galicia, que permiten -trasladou- protexer o bo facer e o produto final. Fan posible así, engadiu, protexer o produto na orixe, referíndose especificamente ao produtor, é dicir ao agricultor e ao gandeiro. Neste sentido, González puxo en valor que “garantir a digna subsistencia do sector primario é garantir tamén a calidade, de principio a fin”.

Neste mesmo eido da protección, o conselleiro fixo referencia ao marco normativo. Así, lembrou a relevancia da futura Lei da calidade alimentaria como panca na que se asentará a produción de proximidade, sa e sustentable que sempre identifica Galicia no ámbito gastronómico. E tamén a Lei de recuperación da terra agraria, que xa está a mobilizar máis de 9.300 hectáreas en toda a comunidade mediante ferramentas moi ligadas á valorización da calidade dos produtos, como son as aldeas modelo e os polígonos agroforestais.

Neste contexto, o titular de Medio Rural remarcou tamén o papel que desempeñan, a prol da calidade, as diferentes estratexias sectoriais impulsadas pola Xunta. Fixo referencia particular á de dinamización do sector lácteo, que entre os seus obxectivos inclúe aumentar o peso das denominacións de orixe protexidas de queixo galegas na transformación industrial láctea, adaptando os formatos e os envases ás novas demandas de consumo.

Neste acto, o conselleiro trasladou os seus parabéns ás 20 industrias dos 33 meles presentados este ano ás catas, así como as 43 mostras das 30 queixerías que competiron nesta edición do certame dos queixos. Ademais, agradeceu o traballo do panel de expertos  que conformaron o xurado e que, remarcou, “non o tiveron nada fácil”, tendo en conta a excelencia dos participantes.

premiados queixo mel
0.19078397750854