18 locais participarán nas Xornadas Gastronómicas da Cabala que comezan o venres

Do 17 ao 19 de abril Ribadeo converterase no epicentro da gastronomía mariñeira cunha nova edición das xornadas da cabala, organizadas por Acisa coa colaboración da OPP do Porto de Burela. Un total de 18 establecementos hostaleiros sumaranse a esta cita ofrecendo tapas e pratos elaborados con este peixe de tempada, capturado polos barcos do porto burelés.
A presidenta de Acisa, Carmen Cruzado, destacou que esta iniciativa volve ser posible grazas á colaboración da OPP, que achega arredor de 90 quilos de cabala de xeito gratuíto. “Isto permítenos distribuír o produto entre os locais participantes sen ningún custo para eles, facilitando así a súa implicación nesta proposta gastronómica”, explicou.
Na mesma liña, o xerente de Acisa, Jesús Pérez, subliñou que esta acción responde á vontade da asociación de apoiar directamente ao sector hostaleiro. “Trátase dunha nova ocasión na que desde Acisa proporcionamos materia prima ás nosas asociadas e asociados, contribuíndo a reducir custos nas campañas que impulsamos e reforzando o noso compromiso co sector”, indicou.
As diferentes propostas culinarias poderán consultarse nas redes sociais de Acisa ao longo da semana previa ao evento, permitindo á clientela coñecer a oferta de cada establecemento. A participación abrangue locais tanto do casco urbano como da zona do porto e da parroquia de Rinlo, ampliando así o alcance desta iniciativa.
Cruzado incidiu tamén no obxectivo dinamizador destas xornadas: “Queremos apoiar á hostalería nestas datas e ofrecer unha alternativa atractiva tanto á veciñanza de Ribadeo como á doutros puntos da Mariña, da provincia de Lugo e do Occidente asturiano”. Ademais, puxo en valor as propiedades da cabala, salientando o seu alto contido en Omega 3 e promovendo o consumo de peixe como unha opción saudable e saborosa.
Os locais participantes nesta edición son: A Horta de San Roque, A Mirandilla, Barallocas, El Huerto, El Rincón del Gordo, Galipizza, La Flor de Jose, Los Dulces de Delphine, La Solana, Mareta, Marinero, Náutico, O Furancho no Camiño, O Indiano, O Lar de Manolo, Parador de Turismo, Ramonita e San Miguel.
A presentación oficial das xornadas tivo lugar en Burela e contou coa participación de representantes da OPP-7 Burela, Absa e Acisa, entre eles Juan José Otero, Sergio López, Abelardo Basanta, Miguel Neira, Carmen Cruzado e Jesús Pérez.
Ribadeo súmase aos Días Azuis do comercio galego
Ademais, Acisa participa unha vez máis na campaña dos Días Azuis do comercio galego, que se celebra do 10 ao 30 de abril, organizada pola Federación de Comercio Galego coa colaboración da Xunta e das asociacións locais.
Segundo explicou Jesús Pérez, nesta edición sortéanse 20.000 euros repartidos en 44 tarxetas prepago de 250 euros e 60 de 150 euros. Para participar, a clientela só debe rexistrar as súas compras na web www.diasazuis.com durante as datas da campaña. Desde Acisa animan á veciñanza a aproveitar esta iniciativa e optar aos premios dispoñibles.