Aprobadas as axudas a comunidades de montes do proxecto Life in Common Land do Xistral

TerraChaXa | AMariñaXa
O Goberno provincial aprobou a resolución das Comunidades de Montes Veciñais en Man Común beneficiadas polas axudas Life in Common Land.
equipo de goberno socialista da deputacion
21 Ago 2022

O Goberno provincial aprobou na súa reunión semanal a resolución provisional das Comunidades de Montes Veciñais en Man Común beneficiadas polas axudas económicas convocadas pola Deputación dentro do proxecto europeo Life in Common Land que ten en marcha para promover a conservación e o desenvolvemento sostible do territorio da Serra do Xistral.

O total da liña de axudas alcanza os 300.000€, que recibirán 10 comunidades de montes veciñais dos concellos do Valadouro, Xove, Muras, Ourol e Viveiro. “Con estas subvencións, que sacamos en réxime de concorrencia competitiva, o que facemos é recoñecer e retribuír o traballo e as boas prácticas que fixeron os comuneiros e comuneiras a través da súa actividade gandeira para manter e mellorar os hábitats de turbeiras e queirogais húmidos do Xistral, un conxunto de hábitats que é único na Europa continental”, explicou a voceira socialista.

Trátase de pagos compensatorios polos resultados de conservación realizados ao longo dos anos 2019, 2020 e 2021. García Porto sinalou que se trata “dunha medida pioneira no noso país, e que, a raíz desta experiencia, poderase replicar noutros territorios de España e de Europa. É dicir, queremos que esta experiencia piloto, de pagar por conservar o medio ambiente, non se quede aquí, senón que continúe e que se implante noutras zonas”.

A Deputación de Lugo promove moi diversas iniciativas para aproveitar a riqueza medioambiental da provincia, como unha oportunidade para dinamizar a economía vinculada ao sector primario, e desta forma, axudar a fixar poboación. Precisamente, un dos proxectos que ten este obxectivo é o programa Life in Common Land, no que se enmarcan estas axudas ás comunidades de montes.

0.17465090751648