120 ciclistas participarán no Trofeo Máster de ciclismo Vila de Ribadeo
O 17 de marzo terá lugar o Trofeo Máster de Ciclismo Vila de Ribadeo, que reunirá a uns 120 participantes.
O concelleiro de Deportes, Francisco José Silvent, explicou que “Ribadeo acollerá o vindeiro domingo, 17 de marzo, a primeira proba deste ano da Copa Galicia de Ciclismo Máster. Esta será a única que se dispute na Mariña”.
O edil ribadense contou que “serán arredor de 120 os corredores que disputen esta proba, que partirá ás 11 da mañá e terá unha duración de máis de dúas horas. O punto de saída e de chegada será o Parque de San Francisco”.
Silvent dixo que “o Club Ciclista Eo e o Concello de Ribadeo agradecemos a colaboración dos 80 voluntarios que traballarán o domingo para que esta proba se desenvolva con normalidade”.
E engadiu que “estamos encantados de que Ribadeo siga a acoller actividades deportivas durante as fins de semana pola promoción que supoñen para o noso concello e tamén pola dinamización económica”.