Unha mel de Alfoz logrou a medalla de ouro nos premios London Honey Awards
O mel Ouro Puro, de Alfoz, logrou unha medalla de ouro nos premios London Honey Awards, o que supón un importante recoñecemento a nivel mundial. Así o comentou o responsable de Ouro Puro, Iván Marrube, que se amosou moi satisfeito con esta distinción que conseguiron na categoría de mel en packaging.
Iván Marrube destaca que “seguramente é o premio de mel máis importante a nivel mundial, no que conceden distincións aos que teñen uns esixentes estándares de calidade. Foi a primeira vez que nos presentamos a este certame, que ten unha gran repercusión a nivel mundial”. Tamén está moi contento porque “os meus amigos de O poder das flores, de Carballido, e Mari Fe, de O Valadouro, tamén lograron medallas de ouro, o que supón un recoñecemento moi grande ao mel de Galicia”.
Marrube explica que “en Ouro Puro estamos moi satisfeitos porque na primeira tempada que nos presentamos a catas ter o máximo recoñecemento a nivel galego e tamén nun dos concursos máis prestixiosos a nivel mundial e algo moi importante. Nós xa sabíamos que tíñamos un produto da máis alta calidade, e por iso lle chamamos Ouro Puro, pero é un orgullo que cho recoñezan e poñer ao concello de Alfoz no mapa mundial do mel”.
O mel Ouro Puro, de Alfoz, xa fora elixido o mellor de Galicia na categoría de monofloral na XIX Cata dos Meles organizada pola Consellería de Medio Rural e a Indicación Xeográfica Protexida Mel de Galicia en decembro do ano pasado.