Yolanda Álvarez presenta en Trabada o contocontos musical 'O misterio do tulipán'
Yolanda Álvarez presenta o vindeiro día 17 de maio en Trabada o seu contacontos musical O misterio do tulipán. O acto, organizado pola asociación O Picato de Trabada coa colaboración da Deputación de Lugo e do Concello de Trabada, terá lugar na casa da cultura e comezará ás 16.00 horas e haberá entrega de agasallos e un pintacaras. Os máis cativos poderán gozar do primeiro conto desta autora de Bóveda, que permite reflexionar sobre a importancia do bo trato e o coidado cara a todas as persoas e seres vivos que habitamos neste planeta.
Pero Yolanda non quere que a súa historia quede no papel, polo que está a amosar a súa obra en distintos puntos da xeografía galega a través dunha presentación interactiva e musical, que están a acoller tamén os pais de de moi boa gana. “Amósanse agradecidos de poder ter na súa casa ese material. Eu mesma como nai estou encantada con cada conto que ten un fondo e que podemos razoar, porque ao final é un recurso co que traballar”, recoñece.
Tamén é un xeito de fomentar o hábito lector entre os cativos. “Trátase dun libro que pode perdurar na casa por moitos anos, porque está pensado para que medren con eses valores implícitos e, ademais, está escrito en maiúsculas pensado para cando teñen seis ou sete anos e xa se soltan eles lendo”.
A escritora apoiase na música de Martín e Gonzalo do grupo Louband de Sarria para levar a cabo as sesións. “Todo o mundo está súper implicado con ‘O misterio do tulipán’, creou un entorno máxico e xa é algo que vai máis alá. De feito, xurdiron cancións inéditas montadas con instrumental e letra propia que xa rexistramos”.
https://galiciaxa.com/2023/11/rsxa/sec-rsxa/cul-rsxa/240585/