Xuvenlugo regresa ao Pazo cunha proposta renovada de lecer familiar para este Nadal

Xuvenlugo volve este Nadal ao Pazo de Feiras e Congresos de Lugo cun formato renovado e enfocado a ofrecer unha experiencia lúdica pensada para toda a familia. A partir do 5 de decembro, o recinto converterase nun auténtico mundo de diversión no que convivirán inchables, atraccións, xogos participativos e propostas deseñadas para que nenos, nenas e persoas adultas poidan compartir tempo de ocio nun ambiente seguro e festivo.
A organización destaca que o espírito desta edición é recuperar “o espazo de sempre”, pero con novas dinámicas que permitan gozar dunha tarde completa de actividades. Ademais dos xogos e atraccións habituais, Xuvenlugo contará con servizo de cafetería e a posibilidade de celebrar festas de aniversario dentro das instalacións, unha opción que se consolida como unha das máis demandadas das últimas edicións.
O prezo da entrada xeral será de 9 euros. Para grupos de 10 persoas establécese un bono especial de 80 euros, válido para un único día, pensado para familias numerosas, encontros de amigos ou visitas organizadas. O horario de apertura será de 16:30 a 20:30 horas.
Xuvenlugo permanecerá aberto nos seguintes días do mes de decembro: do 5 ao 8, do 12 ao 14, do 19 ao 23 e do 26 ao 30. Xa no mes de xaneiro, a actividade continuará do día 1 ao día 4, coincidindo co tramo final das vacacións escolares.