Xunta e Concello de Ribadeo formalizan o acordo para impulsar o novo centro de saúde

AMariñaXa
A cesión dos terreos permite iniciar a redacción do proxecto dunhas instalacións que integrarán centro de saúde, PAC e servizo 061
Ribadeo-convenio-centro-saude-2025
Terreo para o novo Centro de Saúde de Ribadeo
26 Dec 2025

A Xunta de Galicia e o Concello de Ribadeo deron este martes un paso decisivo cara á construción do novo centro de saúde do municipio coa sinatura dun convenio de colaboración que permite a cesión oficial dos terreos á administración autonómica. Tras este trámite, iniciarase a redacción do proxecto técnico e, posteriormente, o proceso de licitación das obras.

O alcalde de Ribadeo, Dani Vega, destacou o intenso traballo desenvolvido polo goberno local para facer realidade este avance nun prazo que cualificou de “tempo récord”. O rexedor explicou que, ao inicio do mandato, apenas existía unha proposta sen concretar sobre a localización, polo que foi necesario activar todo o procedemento para dispoñer dunha parcela axeitada. “Nun ano e medio conseguimos o solo, completamos a expropiación e superamos unha tramitación administrativa moi complexa, con múltiples notificacións e incluso a resolución de diversos embargos”, detallou.

Segundo indicou Vega, coa sinatura do convenio os terreos pasan definitivamente a disposición da Xunta, o que permitirá avanzar cara á execución do proxecto. O alcalde agradeceu tamén o compromiso do Goberno galego, que xa prevé unha partida específica nos orzamentos autonómicos de 2026 para facer posible o novo equipamento sanitario.

As futuras instalacións concentrarán nun mesmo espazo o centro de saúde, o PAC e o servizo de emerxencias 061, unha integración que o alcalde considera fundamental para garantir unha atención eficaz. “Non ten sentido ter os servizos sanitarios dispersos; en situacións de emerxencia, cada minuto conta”, subliñou.

O convenio foi asinado no salón de comisións do Concello de Ribadeo polo conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, e polo alcalde, Dani Vega. O acto contou coa asistencia do xerente da área sanitaria de Lugo, A Mariña e Monforte de Lemos, Ramón Ares, da directora do distrito sanitario da Mariña e do Hospital Público da Mariña, María José Cortes, así como das concelleiras de Seguridade, Igualdade e Benestar Social, Montse Seijo, Begoña Sanjurjo e Elena Sierra.

Tras a sinatura, Gómez Caamaño visitou a Casa do Concello, onde asinou no libro de honra, e posteriormente a comitiva desprazouse ata os terreos nos que se levantará o novo centro de saúde de Ribadeo.

⚙ Configurar cookies
0.08359694480896