Xulia Nogueira será a pregoeira das Quendas 2025: unha vida consagrada á música e á ensinanza

AMariñaXa
A directora do coro "Mestre Pacheco" e mestra de música en Mondoñedo leva máis de tres décadas formando novas xeracións e explorando a dimensión terapéutica da arte sonora.
As-Quendas-Mondonedo-2022-imaxes-(10)
13 Apr 2025

O Concello de Mondoñedo vén de anunciar o nome da pregoeira das Quendas 2025: Xulia Nogueira, unha figura amplamente recoñecida no eido da música e a docencia artística. Natural de Lugo, Nogueira leva unha traxectoria vital dedicada ao ensino musical, á dirección coral e á promoción de proxectos pedagóxicos innovadores.

Desde moi nova amosou unha fonda paixón pola música, que a levou a titularse en violonchelo no Conservatorio Superior de Música de Santiago. Ao longo da súa carreira, completou a súa formación con estudos en técnica vocal, educación musical infantil, improvisación e un posgrao en Musicoterapia, disciplina á que tamén dedicou unha parte significativa da súa actividade profesional.

Comezou a súa andaina docente participando en iniciativas coma as Xornadas de Formación Orquestral da Xoven Orquestra de Galicia e, desde 1990, vén colaborando nos cursos formativos do Concello de Xove. Nese mesmo municipio exerce na actualidade como directora da Escola Municipal de Música.

No ámbito coral, foi responsable de múltiples agrupacións ao longo dos anos: dirixiu o coro do Conservatorio Profesional de Vilalba, a Escolanía Municipal de Xove e o Orfeón da Sociedade de Obreiros de Mondoñedo. Desde o ano 2000 está á fronte do coro "Mestre Pacheco", un dos referentes musicais da cidade mindoniense.

A súa actividade docente reparte entre o Conservatorio Profesional de Música de Vilalba e as Escolas de Música de Mondoñedo e Burela. Alí traballa coa mesma entrega que amosa nos proxectos comunitarios e sociais nos que se implica. Entre 2012 e 2020 impartiu Musicoterapia no Centro Asistencial de San Pablo e San Lázaro, un labor que testemuña o seu compromiso coa música como ferramenta de benestar.

Impulsou proxectos como "Un neno, un instrumento", "Noi bico un cantar" ou o programa "Mamá Quero Cantar", creado e dirixido por ela desde 2015 na escola O Pallarego, en Mondoñedo. É tamén mestra de música nesta escola municipal, onde continúa a formar novas xeracións cunha visión inclusiva e creativa da aprendizaxe.

Ademais da docencia e dirección, Nogueira desenvolveu un labor constante como intérprete, tanto instrumental como vocal. Participou na gravación do disco Clásicos Galegos co Coro de Cámara Solo Voces e a Orquestra Municipal de Xove, así como nos traballos Música de Xoán Montes e Bal y Gay ou Corais da Mariña. Como voz solista colaborou en proxectos coma Dende a beira do Masma (colección Sons Lugueses), A viaxe de Brandán (Atlantia Gravacións, 2018), Mondoñedo no Camiño de Santiago a través das súas personaxes (Atlantia Entertainment, 2019) ou Iacobus coa Orquestra Clásica de Xove, onde tamén asumiu tarefas de maquetación e deseño.

O nomeamento de Xulia Nogueira como pregoeira das festas das Quendas 2025 é un recoñecemento merecido a unha carreira chea de compromiso coa cultura, o territorio e a formación artística. A súa traxectoria, tanto nos escenarios como nas aulas, fai dela unha embaixadora perfecta para abrir as celebracións dunha das citas máis emblemáticas do calendario mindoniense.

⚙ Configurar cookies
0.16351509094238