Xuances recupera as festas de San Pedro Fiz nun entorno privilexiado xunto á praia de Esteiro

AMariñaXa
A parroquia xovense celebra o 9 e 10 de agosto unhas festas cheas de tradición, organizadas pola veciñanza con apoio do Concello
Xove-Xuances-festas-2025
Foto recurso
4 Aug 2025

A parroquia de Xuances volve festexar por todo o alto esta fin de semana tras recuperar unha das súas celebracións máis emblemáticas: as festas na honra a San Pedro Fiz. As datas escollidas para o reencontro coa tradición son o sábado 9 e o domingo 10 de agosto, cun programa de actividades que se desenvolverá nas inmediacións da praia de Esteiro, un espazo privilexiado que servirá de marco incomparable para o evento.

A organización corre a cargo da Asociación de Veciños San Pedro de Xuances, que conta cunha directiva formada por Daniel Alonso, José Meitín e Eleodora López. Durante a presentación oficial do cartel, que tivo lugar recentemente, estiveron acompañados polo alcalde de Xove, Demetrio Salgueiro, e mais pola concelleira de Cultura, Mª Dolores Meitín. Entre todos convidaron á veciñanza e a quen se achegue a compartir uns días de festa, animación e convivencia.

Desde a organización destacan o esforzo colectivo por recuperar esta celebración, interrompida nos últimos anos, e salientan que o espírito destas festas segue moi vivo entre os habitantes da parroquia. Con actividades para todas as idades, a música e a boa compañía están aseguradas nunha contorna natural que engade encanto á proposta.

O Concello de Xove colabora activamente coa iniciativa, demostrando así o seu compromiso co mantemento das tradicións locais e co impulso do tecido asociativo parroquial.

⚙ Configurar cookies
0.17660021781921