Xove viviu unha fin de semana histórica co Campionato de España Feminino Iberdrola de Bolo Celta

GaliciaXa | AMariñaXa
A Bolera Municipal de Sumoas acolleu dous días de deporte, emoción e triunfos para as xogadoras locais
Xove-Campionato-de-Espana-Feminino-Individual-e-por-parellas-Iberdrola-2025
22 Sep 2025

A Bolera Municipal de Sumoas, en Xove, converteuse os días 20 e 21 de setembro no epicentro nacional do bolo celta coa celebración do Campionato de España Feminino Iberdrola, tanto en modalidade individual como por parellas. A cita reuniu a 25 xogadoras procedentes de distintas comunidades autónomas, que loitaron polos títulos nun ambiente marcado pola deportividade, a convivencia e a emoción das partidas.

O evento contou coa presenza institucional do alcalde de Xove, Demetrio Salgueiro, da concelleira de Deportes, Cristina Iglesias, e de Daniel Alonso en representación do Club de Bolos Xove, entidade organizadora que, xunto ao Concello, fixo posible unha competición que levou o nome da vila por toda España.

O palmarés deixou grandes alegrías para o club anfitrión. En categoría por parellas, Carmen e Belén proclamáronse campionas de España, mentres que Dolores, tamén de Bolos Xove, acadou o subcampionato formando equipo con Blanca Lago, do Club Bolos Estivada. O podio completouse con Clara e Mirta, de Asturias, que foron terceiras, e coa cuarta posición de Nerea e Vanessa, pertencentes a Bolos Rega e Bolos Portameán.

Na modalidade individual, a victoria foi para Clara Martínez, do equipo 4 Amigos, seguida por Sheila Ferreira e Nerea Ferreira, ambas de Bolos Rega. A cuarta praza foi para Patricia García, do Bolos San Miguel de Peitieiros.

Desde o Club de Bolos Xove subliñaron que máis alá dos resultados, “foi unha fin de semana inesquecible, chea de amizade, convivencia e risas compartidas”. A entidade agradeceu a todas as participantes o seu esforzo e destacou “o orgullo que supón ver ás xogadoras locais triunfar diante da súa xente”.

⚙ Configurar cookies
0.09801197052002