Xove vive a conta atrás para as festas patronais de San Bartolo e do Carme

Xove xa ultima os preparativos para celebrar, entre o 28 de agosto e o 1 de setembro, as súas festas patronais en honra a San Bartolo e á Virxe do Carme, unha das citas máis esperadas do ano no municipio. Haberá propostas para todas as idades, combinando tradición, música, deporte e espazos de encontro para veciños e visitantes.
O pistoletazo de saída chegará o xoves 28 co pregón, que este ano correrá a cargo da farmacéutica titular de Xove, Ana Mª Boñar Rey. O peche terá lugar o luns 1 de setembro cunha xornada dedicada á infancia, na que os máis pequenos gozarán de inchables instalados na praza do Concello.
O programa matinal aposta polas actuacións infantís, pensadas para divertir aos nenos e nenas, mentres que entre os eventos gastronómicos destaca a tradicional sardiñada popular, un punto de encontro para compartir mesa e festa. O apartado cultural terá como referencia o festival folclórico da Asociación Cultural Saíñas, que volverá a poñer en valor a música e a danza tradicional galega. Nesta ocasión, contarán coa participación como grupo convidado da Agrupación Folklórica S’estol Porrenc de Mallorca.
As noites estarán marcadas polas verbenas e concertos. Actuarán grupos como Nuevo Plan e América, ademais do espectáculo musical “Camiñantes e cantantes” da Ocaband, con Pili Pampín, M. Manquiña e Pepo Suevos. Tamén pasarán polo escenario as orquestras Pontevedra, Os Satélites, Trébol e Gran Parada, así como a Disco Móbil Conxuro, que prolongará a festa ata ben entrada a madrugada.
O apartado deportivo terá dúas citas destacadas. O martes 26 celebrarase no pavillón municipal o II Torneo San Bartolo de Fútbol Sala, no que se enfrontarán o Xove FS e o Burela FS. Xa o domingo 31 será a quenda do Torneo Concello de Xove de fútbol, no campo anexo ao municipal, onde xogarán a UD Xove Lago e a UD Folgueiro.
O cartel das festas foi presentado por membros da Asociación de Festejos Montevelle —Benigno Canoura, Carlos Cociña, Dalmacio Riveira, Borja Basanta, José Luis Pico e David Galdo—, que organizan o evento xunto co Concello. No acto tamén participaron o alcalde Demetrio Salgueiro, a concelleira de Cultura Mª Dolores Meitín, a concelleira de Turismo Cecilia Duarte e a concelleira de Deportes Cristina Iglesias, quen puxeron en valor o traballo constante da comisión para sacar adiante tanto estas festas patronais como a tradicional festa das Fillas de María.
Desde o Concello e a comisión organizadora fan un chamamento á veciñanza e a quen se queira achegar a Xove para vivir uns días de ledicia e bo ambiente festivo.