Xove vibra coa música na XIII edición do Concurso de Karaoke do Nadal

AMariñaXa
O pavillón municipal encheuse de público nunha noite marcada polo talento, a emoción e a participación de artistas chegados de distintos puntos do país
Karaoke-Nadal-Xove-2025
28 Dec 2025

Xove viviu unha das noites máis animadas do seu Nadal coa celebración da décimo terceira edición do Concurso de Karaoke, unha cita xa consolidada no calendario festivo local e que cada ano esperta unha enorme expectación. A actividade reuniu no Pavillón de Deportes a numerosa veciñanza da localidade e a visitantes procedentes doutros concellos de A Mariña e mesmo de cidades como A Coruña, Oviedo ou Cáceres, que quixeron sumarse a unha velada chea de música e emoción.

A pesar das baixas temperaturas da noite, o recinto estivo completamente ateigado dun público entregado, que acompañou con aplausos e ánimos as actuacións dos numerosos participantes inscritos nas tres categorías do certame: peques, júnior e veteranos. Ao longo da noite, quedou patente o nivel artístico e a paixón pola música dos concursantes, que ofreceron interpretacións moi variadas e coidadas, facendo gozar aos asistentes durante toda a sesión.

O xurado, integrado por Xulia Nogueira, Uxío Dayán e Francisco Pico, tivo unha tarefa especialmente complexa á hora de deliberar, dada a calidade das actuacións presentadas. A gala estivo conducida, por décimo terceiro ano consecutivo, pola veciña Vanesa Míguez, quen soubo manter o ritmo e o bo ambiente durante toda a noite.

Desde a organización agradeceron unha vez máis a excelente resposta do público, así como a implicación do xurado e de todas as persoas participantes, que fixeron posible o éxito dunha actividade que xa é unha referencia do Nadal en Xove. O Concello confía en poder repetir a experiencia o vindeiro ano, coa celebración da décimo cuarta edición, que volverá converter unha noite festiva nunha gran festa da música e da convivencia.

No apartado de premios, na categoría de Peques, o galardón á Mellor Voz foi para Aitana Jiménez Blanco, pola interpretación de A un paso de la luna, mentres que Eva Cancela Trastoy, María Posada Duarte e Alex Louzao Casas compartiron tamén este recoñecemento con La Morocha. O premio á Mellor Caracterización recaeu en Ainara Sánchez Lage, Jesús López Franco e Antón Preto Canoura, con A quién le importa.

Na categoría Júnior, Daniela Robledo Cardoso foi distinguida como Mellor Voz por Hometown Glory, mentres que Carolina Goas Trelles e Martina Castro Díaz recibiron o mesmo premio pola canción Me has invitado a bailar. O recoñecemento á Mellor Caracterización foi para Noa Villota Pernas e Emma López González, con Perdonarte para qué.

Xa na categoría de Veteranos, Mª Ángeles Leal García acadou o premio á Mellor Voz con Déjala correr, Laura Míguez Ramos foi tamén recoñecida nesta modalidade por Esta vida, e Carlos Jiménez Seijas levou o galardón á Mellor Caracterización coa canción Abusadora.

⚙ Configurar cookies
0.077378034591675