Xove, un referente municipal
Un pequeno concello que traballa para a mellora dos seus servizos, infraestruturas e a calidade de vida veciñal.
Xove contará este ano co parque deportivo e de ocio infantil e xuvenil máis completo de Galicia. Así o indicaron dende o Concello e informaron que “se se cumpren as previsións, a principios desta primavera comezarase a construción”.
O futuro parque situarase nunha parcela que antigamente estaba destinada a usos agrícolas e o proxecto arrancará no 2023 cun orzamento que superará os 820.000 euros.
Este parque estará situado na contorna da avenida da Deputación que actualmente é unha zona forestal e pradaría. Serán 9.014 metros cadrados divididos en 2.205 de zona verde, 1.378 de accesos como sendas e beirarrúas, 1.462 de zonas viais e aparcadoiros, e 3.969 metros cadrados de zonas lúdicas como os circuítos de skatepark, pumptrack ou calistenia.
O espazo contará cunha zona de aparcadoiro con estacionamento dotada de todos os servizos precisos para autocaravanas, un skatepark con forma de bowl aberto enfocado ao uso de patíns, scooters, skate e bmx e con zona de street; e un pumptrack enfocado tanto as bicicletas como a skates, patíns e scooters cun nivel experto pero accesible a todos.
Tamén haberá un circuíto de iniciación cun pequeno pumptrack para os máis novatos e nenos, un circuíto de descenso con divertidos obstáculos de madeira, ramplas, pasarelas, etc. Un circuíto de calistenia con 10 estacións de adestramentos diferentes e todos os elementos esenciais como as barras de dominadas.
Haberá tamén unha zona de lavado e reparación de bicicletas ou patíns na contorna da edificación, unha ampla zona verde e camiños de comunicación entre as diferentes zonas con árbores autóctonas e zonas de lecer con mesas.
Ademais, inclúe a construción de aseos feminino, masculino e para persoas con discapacidade, así como unha zona de almacén ou para aloxar os servizos e instalacións precisas para o desenvolvemento de todas as actividades do conxunto do parque.
ESTRADAS
O Concello segue coa firme aposta de mellorar as infraestruturas no tocante ás vías de comunicación. Por iso neste último ano acondicionou a vía da praia de Portocelo a Vilalpol. Esta obra partiu dun convenio de cooperación entre a Consellería do Medio Rural e o Concello de Xove para realización de obras de infraestrutura rural. Esta actuación permite uns mellores e máis cómodos accesos á praia de Portocelo e tamén ao núcleo de Vilalpol, acurtando as distancias con respecto á estrada que une os dous núcleos.
Así mesmo, investiuse na mellora da vía a Canelas e Portocelo. Grazas a esta actuación pasou a ter 5 metros de ancho, fronte aos 3 metros iniciais, dotando tamén o vial con algunhas zonas de sobreancho.
Por outra banda, tamén se fixo unha mellora de viais de accesos aos núcleos de Prada e Illade, na parroquia de Xuances, e na Barxa, na parroquia de Lago. Así, na vía de Prada á praia de Esteiro, acondicionáronse uns 1.609 metros e un ramal de 330 metros de estrada cun ancho variable entre 3,70 e 4 metros.
No de acceso a Illade foron 946 metros e ramais de 629 + 500 metros, o que supón 2.075 metros cun ancho variable entre 3 e 4,7. E no da Barxa á praia de Lago foron 979 metros cun ancho variable entre 4,50 e 11 metros.
En total, foron case 5 quilómetros de viais aos cales primeiro se lles realizou unha limpeza, para pasar posteriormente a darlle unha capa de asfaltado en quente, rematando a actuación coa completa sinalización horizontal e vertical da estrada.
SENDA PEONIL
A vila tamén conta cunha senda peonil na estrada autonómica LU-862, que da continuidade ás beirarrúas dá localidade na saída cara a Cervo. Esta senda ten unha lonxitude de 230 metros e 1,80 metros de ancho, e desenvólvese entre os puntos quilométricos 96+220 e 96+450 pola marxe dereita da vía.
Previamente, foi preciso demoler o pavimento existente e executar as beiravías, canalizar un tubo de drenaxe e executar pozos de rexistro con sumidoiro para a recollida de augas pluviais. Dende o Concello lembraron que este tipo de actuacións fomentan a mobilidade sostible e melloran a seguridade dos peóns, “que son os usuarios máis vulnerables nas estradas”.
Modernización do parque móbil
O Concello presentou a finais do 2022 o novo tractor que adquiriu para o Servizo Municipal de Obras. O Concello contaba para o servizo de desbrozamento e limpeza viaria cun antigo John Deere de máis de 20 anos que ultimamente se avariaba regularmente, de aí a necesidade de cambialo por un novo, co fin de que este importante servizo non se resentise.
Tamén adquiriu un novo vehículo de recollida de lixo, un servizo do cal se encarga a Empresa Urbaser. Esta incorporación forma parte do contrato que ten Urbaser co Concello de Xove, e vai permitir mellorar a eficiencia da recollida de lixo no Concello.
Por outra banda, contan cunha nova varredora para o servizo municipal de limpeza viaria. Ademais contan cun novo vehículo biotriturador de residuos que vai formar parte dos servizos de mantemento viario e de parques e xardíns do Concello. Esta máquina, primeira deste tipo que ten o Concello, vaise usar para triturar restos de podas, troncos de ata 20 cm. de diámetro, etc. Estes restos triturados poderían usarse como abono, ou ben quedar no mesmo sitio xa que son biodegradables.
Sen dúbida, unha moi boa noticia para os Servizos Municipais de Mantemento Viario e de Parques e Xardíns, que contan con este tipo de potentes ferramentas que lles facilitan unha ampla mellora destes servizos prestados aos cidadáns.
Medio ambiente
O Goberno local está comprometido co medio ambiente e por iso ofrece composteiros para a veciñanza en colaboración con Sogama e desde o 2012.
Deste xeito, os veciños poderán fabricar nas súas casas o seu propio compós, un fertilizante natural con excelentes propiedades para o terreo dada a súa condición de produto natural, sen compostos químicos e libre de patóxenos; tamén actúa en moitos casos como bactericida e funxicida. Ademais, ao ser un produto rico en nutrientes, convérsese nun excelente abono.
“Con estes composteiros contribuímos á redución de tanto volume de residuos producidos, e tamén a eliminar ou, polo menos, minimizar todo o posible o uso excesivo de fertilizantes químicos”, di Salgueiro.
O Concello tamén fixo melloras ambientais e operacionais na EDAR do parque empresarial de Camba. Esta obra de mellora tivo un triplo vertente. Por unha banda, fíxose a renovación dos equipos de aireación dos reactores biolóxicos existentes, así como a instalación dun sistema integral de automatización e control.
E, por outra, rehabilitouse a contorna e os elementos de peche da EDAR, así como a urbanización que rodea as instalacións. Esta importante obra, que vai mellorar moito a eficiencia da depuradora existente, foi realizada pola empresa Hicogal Tecnologías S.L.
Coa veciñanza máis pequena
AXUDAS
O Goberno local ofrece todos os anos un amplo abano de bolsas e axudas ao estudo, concedidas e financiadas integramente polo Concello. Estas bolsas e axudas ao estudo reguladas nas presentes bases teñen por obxecto atender a sufragar os gastos derivados do aloxamento, comedor e transporte. O número total de axudas concedidas este ano ascendeu a 74, sendo o gasto total a 26.737,90 euros.
Como todos os anos, as bolsas diferéncianse en varias modalidades, estudos universitarios na que se concederon un total de 12.172,10 euros; ciclos formativos que non existan na comarca, no que se concedeu un total de 4.105,80 euros; para alumnos con discapacidade, cuxa contía ascendeu a 4.500,00 euros; para compra de material cun total de 5.460 euros. E por último unha axuda concedida para a modalidade de máster, que ascendeu a 500 euros.
CONCILIA
Xove conta con programas de verán para favorecer a conciliación familiar da veciñanza. O Xove Concilia Verán e o Mañás Activas, nos que participan un alto número de nenos.
Durante este período lúdico os nenos participan en diferentes actividades, como manualidades, xogos tradicionais, pintura, contacontos, saídas polo Concello,etc. e tamén con actividades especiais como o espectáculo de circo e clown pola igualdade de xénero. Con estes programas búscase que teñan alternativas ás novas tecnoloxías e así practicar deportes ou xogos de mesa ao aire libre.
Visibilidade e transparencia
Xove foi o cuarto municipio e primeiro na provincia que dispuxo dun un Xeoportal de datos. Esta importante ferramenta, “que vai ser utilísima para todos os nosos veciños e para todas aquelas persoas que estean interesadas no noso Concello”, di Salgueiro.
O Xeoportal ofrece un servizo de visualización e consulta urbanística por parcela catastral do, PXOM, e tamén ofrece a consulta dos bens inventariados no inventario de bens e dereitos municipais.
Facilita o acceso á información e a consulta urbanística mediante a busca por referencia catastral ou dirección, ofrecendo a versatilidade de poder realizar as consultas dende calquera dispositivo e a activación da xeolocalización en dispositivos móbiles con GPS e consultar así dende calquera punto do territorio a planificación urbanística.
O Xeoportal de datos é, en definitiva, “un paso máis para favorecer a visibilidade e a transparencia da información municipal”.
“Hai que apoialos e agradecerlles o seu inmenso labor, que fan de forma totalmente desinteresada, xa que grazas a eles a vila conta cun amplo abano de actividades lúdicas e culturais durante todo o ano”
De novo Xove foi un dos primeiros concellos da comarca en ter listo o orzamento de 2023. Estes sete millóns de euros permitirán seguir financiando a entidades e clubs, ademais de apoiar a parte social, con subvencións de axuda ao estudo e ao emprego local.
Ano tras ano son un exemplo de Concello implicado cos servizos sociais. Como se consegue?
Con moito traballo e pensando na veciñanza. Somos un Concello referente neste ámbito, xa que asignamos unha parte moi importante dos orzamentos a eles e procuramos orientalo cara á mellora dos nosos servizos sociais.
Cales son os tipos de axudas?
Asignamos preto dun millón e medio de euros para todos estes servizos, e nos que destacan 550.000 euros para a modalidade de dependencia do Servizo de Axuda no Fogar e 200.000 euros para o SAF básico. Tamén dentro destes servizos sociais están as axudas á emerxencia social como son os casos de extrema necesidade.
Por outra banda hai 65.000 euros para o Plan de Emprego Municipal co que axudamos aos mozos a atopar un posto de traballo. Neste plan, calquera empresa xovense que queira solicitar traballadores, estes recibirán unha axuda anual de 2.100 euros se é muller e 1.800 home.
Ademais, esta axuda dura 3 anos sempre e cando se manteña a contratación. Son axudas importantes que posibilitan que moitos mozos atopen o seu primeiro emprego e que despois sigan traballando na mesma empresa que lles deu unha oportunidade. Tamén temos axudas para os traballadores que queiran darse de alta como autónomos e crear o seu propio posto de traballo.
Tamén hai axudas para estudantes?
Si, nesta ocasión son 59.000 euros para bolsa e axudas ao estudo nas súas diferentes modalidades. Con elas queremos axudar aos estudantes universitarios e do CEIP no seu día a día na mobilidade, no transporte, no comedor, etc. E ademais son compatibles con outras axudas. A nosa idea é que ninguén se quede sen estudar por ter poucos recursos.
E contan con outro tipo de achegas?
Por outra banda, destinamos unha importante cantidade ás asociacións do Concello, clubs deportivos e comisións de festas, pois eles son axentes mobilizadores das actividades e da vida nas parroquias. Hai que apoialos e agradecerlles o seu inmenso labor e que fan de forma totalmente desinteresada, xa que grazas a eles a vila conta cun amplo abano de actividades lúdicas e culturais durante todo o ano.
Que proxectos hai a curto prazo?
Entre outros, hai tres de moita importancia para o Concello e que son, o futuro porto deportivo de Moras, a ampliación do polígono industrial e a mellora das estradas provinciais.
Que falta en Morás?
Pois agora mesmo estase facendo unha modificación do proxecto de impacto ambiental, para que Costas de o permiso para a obra. Así que a nosa previsión é que nos vindeiros meses chegue esta confirmación para licitar e comezar. Ver esa infraestrutura feita sería unha posta en valor da zona pois é algo no que levamos loitando moito tempo.
E no polígono?
Aquí estamos tramitando unha necesaria ampliación do polígono industrial xa que non quedan terreos para o asentamento de empresas. E Xestur xa está a facer os estudos para a ampliación, a adquisición de terreos.
E no relativo ás estradas?
Dende o Concello seguimos na mellora das infraestruturas de comunicación da rede viaria de Xove, pero temos algún problema nas vías provinciais que pertencen á Deputación, pois nós non podemos actuar nelas pois non son municipais, pero ofrecémoslles a colaboración económica do 50% do gasto. Esta é unha necesidade de todos os veciños.