Xove será o escenario do roteiro, As aves na trampa do vento pola Mariña
O vindeiro domingo 26 de marzo achegarase ata a Mariña, Manolo Miranda, de Mariña Patrimonio quen guiará nun fermoso percorrido. O traxecto duns 10Km e dificultade baixa/moderada, comezará en Morás e rematará no faro de Punta Roncadoira.
O autobús deixará aos participantes no lugar onde se atopaba a antiga baleeira do Portiño de Morás. Aquí, Lucía Sánchez Meitín, especialista en cultura e patrimonio do Concello de Xove, falará da historia da baleeira e o que significou para a zona. Dende este punto comezareá a andaina pasando pola canteira de Cabo Morás e mailo lugar onde se fabricaron os dolos empregados na construción dos diques do porto de Alúmina.
A continuación, tomarase o sendeiro que percorre o fermoso litoral de Xove, probablemente o mellor conservado da Mariña luguesa. Durante este traxecto pasarase pola Atalaia, polas inmediacións da Illa de Ansarón, subiremos ata o monte da Vela, desde onde poderemos contemplar unhas magníficas vistas, e comezará o descenso ata a fermosa aldea de Portocelo, en cuxa praia poderase facer unha parada para xantar.
Tralo xantar, os participantes collerán camiño do castro e das ruínas do mosteiro de San Tirso. Desde este lugar, faremos outra pequena subida até o Monte Castelo e finalmente dirixirémonos ao faro de Punta Roncadoira, onde poñeremos punto e final a este roteiro.
Para participar é preciso reservar a praza antes do venres 24 de marzo ás 13.00 horas a través do formulario. Para máis información poden contactar chamando ao 982 240 299, escribindo a adegalugo@adega.gal ou na web de ADEGA www.adega.gal .