Xove recupera as súas figuras tradicionais do Entroido: a madamita e o madamito

O Entroido 2025 de Xove traerá unha gran novidade: a recuperación e posta en valor das súas figuras tradicionais, a madamita e o madamito. Estes personaxes forman parte da memoria colectiva do municipio e foron documentados na obra antropolóxica A festa no aire. Tradición e lecer no Xove de antes, publicada en 2006 polo Concello e a Xunta de Galicia.
A investigación, realizada polas expertas Nelle Pérez Franco e Lucía Sánchez Meitín, recolleu testemuños de máis de cento cincuenta persoas maiores das oito parroquias de Xove. Entre os recordos vinculados ao lecer tradicional, apareceron as madamitas e os madamitos como figuras clave do entroido xovense, aínda que con escaso material gráfico que permitise coñecer en detalle a súa vestimenta. A partir destas entrevistas, as investigadoras conseguiron reproducir un traxe e un sombreiro de madamita, que foron expostos na mostra etnográfica organizada no municipio no ano 2006.
Dende entón, o Concello de Xove mantivo viva a lembranza destas figuras a través da súa divulgación en redes sociais e espazos dixitais. Este ano 2025, a recuperación destas personaxes dá un paso máis grazas á implicación do CEIP Plurilingüe Pedro Caselles Rollán. O alumnado leva semanas traballando na elaboración de dous manequíns que recrean con detalle os traxes da madamita e do madamito. Ademais, os docentes desenvolveron sesións didácticas para explicar aos estudantes o significado destas figuras e a súa importancia dentro do entroido tradicional.
A incorporación das madamitas e madamitos ao Entroido de Xove simboliza un esforzo por preservar o patrimonio cultural inmaterial do municipio e transmitilo ás novas xeracións. Esta iniciativa garante que esta tradición, recuperada a partir da memoria oral da veciñanza, volva ocupar un lugar destacado na celebración do carnaval local.