Xove propón un verán de natureza e coñecemento

O Concello de Xove acaba de poñer en marcha unha nova proposta de turismo sostible para este verán. Trátase dun ciclo de rutas guiadas, promovidas pola área de Turismo e Medio Ambiente, en colaboración coa empresa Rutas Galicia Norte, que buscan achegar á veciñanza e aos visitantes á riqueza paisaxística, histórica e cultural do municipio.
O alcalde, Demetrio Salgueiro, e a concelleira de Turismo, Cecilia Duarte, presentaron a iniciativa destacando o seu valor educativo e de sensibilización ambiental. “Queremos que a xente redescubra Xove con outros ollos, valorando todo o que temos preto”, sinalaron. As rutas estarán conducidas por Boris Vilar Vidal, guía especializado que aportará unha visión divulgativa sobre a flora, fauna, xeoloxía e as tradicións locais.
O calendario da proposta é o seguinte:
- Venres 18 de xullo: Ruta dos muíños da Rigueira, centrada na etnografía e nas crenzas dos habitantes do río.
- Xoves 24 de xullo: “Acantilados de papel”, unha viaxe pola costa con narrativa sobre a caza de baleas e o lendario ansarón.
- Xoves 7 de agosto: San Tirso de Portocelo, enclave singular onde se falará de arqueoloxía e pareidolias na zona de Roncadoira.
- Xoves 21 de agosto: Esteiro de Xove, para coñecer a xeoloxía única do litoral entre Muiñelo e Punta da Mansa.
A participación nas actividades é totalmente gratuíta, mais será preciso inscribirse previamente enviando un correo electrónico a: rutasgalicianorte@gmail.com.
Dende o Concello subliñan que estas actividades, ademais de promover hábitos saudables, contribúen á protección do medio e á posta en valor da identidade local. “Queremos seguir construíndo un modelo de turismo respectuoso, que nos faga sentir orgullosos do noso territorio”, concluíron.