Xove presenta unha programación de Nadal chea de tradición, música e diversión para todas as idades

O Concello de Xove vén de dar a coñecer a súa programación cultural de Nadal, unha proposta diversa e pensada para que toda a veciñanza poida gozar destas datas "tan especiais", tal e como sinalaron o alcalde Demetrio Salgueiro e a concelleira de Cultura María Dolores Meitín durante a presentación oficial do programa. Ambas autoridades destacaron que o obxectivo é ofrecer alternativas de lecer accesibles a todos os públicos, mantendo ao mesmo tempo o espírito comunitario e a ilusión propias desta época.
O calendario de actividades prolongarase ata o 5 de xaneiro, cun conxunto de iniciativas que combinan tradición, entretemento e participación cidadá. Xunto aos actos culturais máis clásicos, o programa inclúe tamén eventos promovidos polo Departamento de Emprego e Desenvolvemento Local, entre eles a VII Gala do Emprendemento Local, un cabaret conducido por Dani Ríos, e mais o Mercado de Nadal "O Faio de Generosa", que contará coa animación musical do grupo de pandereteiras Xaora.
A programación botou a andar xa o 4 de decembro, cun emotivo acto de acendido das luces de Nadal na Praza do Concello, no que o alumnado da Escola Municipal de Música interpretou panxoliñas que acompañaron unha inauguración seguida por numerosos veciños e veciñas.
Ao longo de todo o mes, Xove converterase nun escenario cheo de propostas: espectáculos de maxia, funcións teatrais, concertos, concurso de karaoke, actividades acuáticas, xogos con inchables, festas infantís e actuacións como a do grupo Os Acordeonistas da Mariña, entre outras moitas opcións dirixidas a públicos de todas as edades.
Un dos momentos máis agardados será, como cada ano, a visita de Papá Noel o día 22 de decembro, que achegará ilusión aos máis pequenos, así como a tradicional Cabalgata de Reis o 5 de xaneiro, un desfile que percorrerá as rúas da vila antes de rematar no Pavillón Municipal cunha festa ambientada por música e moita animación.
Co fin de manter vivo o espírito desta celebración, o Departamento de Cultura fai un chamamento ás persoas que desexen participar na Cabalgata como paxes ou axudantes, sempre con vestimenta acorde ás datas. As inscricións deberán formalizarse mediante a entrega dun impreso de voluntariado na OMIX antes do 26 de decembro.
O alcalde Demetrio Salgueiro subliña que "é fundamental conservar a ilusión do Nadal en Xove para que estas festas sigan sendo un tempo de unión e alegría para toda a veciñanza". O rexedor quixo tamén agradecer "a implicación das persoas voluntarias e das asociacións colaboradoras", cuxo apoio resulta clave para facer posible esta programación.