Xove presenta os novos achados no castro de San Tirso tras concluír unha nova fase de escavación arqueolóxica

AMariñaXa
O Concello organiza dúas xornadas divulgativas para compartir cos veciños os resultados dos traballos e ofrecer unha visita guiada ao xacemento, recentemente musealizado como segundo castro costeiro da provincia de Lugo
Escavacion-San-Tirso-de-Portocelo-2025
24 Nov 2025

O Concello de Xove vén de dar por finalizada unha nova fase de investigacións arqueolóxicas na área de San Tirso de Portocelo, un avance que permite afondar no patrimonio castrexo do municipio e que culmina coa musealización deste enclave, convertido así no segundo castro costeiro musealizado da provincia de Lugo. Os traballos de escavación, realizados ao longo do mes de setembro, foron financiados coa axuda da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude.

Co obxectivo de explicar á cidadanía os avances obtidos, o Concello organiza dúas xornadas abertas a todas as persoas interesadas. A primeira terá lugar o venres 28 de novembro, ás 20:00 horas, no Salón de Actos do Centro Cívico, onde o arqueólogo director da intervención, David Fernández Abella, detallará os resultados das escavacións e as principais interpretacións do xacemento.

A segunda actividade desenvolverase o sábado 29 de novembro, cunha andaina que partirá ás 11:00 horas desde o aparcadoiro municipal da praia de Portocelo —situado antes do desvío ao portiño—. A ruta, de arredor de dous quilómetros ao longo da Senda Costeira de Xove, culminará cunha visita guiada ao castro, tamén dirixida polo arqueólogo responsable. O Concello informa de que o percorrido poderá verse modificado se as condicións meteorolóxicas non fosen favorables. Nese caso, a visita realizaríase directamente no xacemento a partir das 11:30 horas, anunciando o cambio o día anterior a través das redes sociais municipais.

Desde o goberno local salientan que estes traballos consolidan o compromiso de Xove coa posta en valor do seu patrimonio arqueolóxico e coa divulgación da historia do municipio entre a veciñanza e o público visitante.

⚙ Configurar cookies
0.14552211761475