Xove presenta a súa ampla oferta de actividades de lecer e tempo libre para o curso 2025-2026

O Concello de Xove vén de anunciar a nova programación de actividades de lecer e tempo libre que se desenvolverán entre outubro de 2025 e maio de 2026. A oferta abrangue desde obradoiros de longa duración ata propostas deportivas e cursos adaptados para persoas maiores, cun calendario pensado para favorecer a participación da veciñanza en iniciativas educativas, culturais e saudables.
Nos obradoiros destacan as sesións de bolillos, bordado e ioga, que se impartirán en distintos grupos e horarios. As persoas interesadas deberán inscribirse a través do rexistro na OMIX entre o 16 e o 26 de setembro. Entre os requisitos para formalizar a matrícula inclúese presentar copia do DNI na primeira inscrición, xustificante bancario e, no caso de ter dereito, certificado de minusvalía ou Carné Xove.
En paralelo, o programa “Xove ponse en forma” ofrecerá clases de ximnasia de mantemento, aerobic & full body, pilates e ximnasia na auga. Todas elas desenvolveranse semanalmente, tanto no pavillón municipal como na piscina. O obxectivo é fomentar o exercicio físico regular, adaptado ás distintas idades e condicións.
Para as persoas maiores de 60 anos, o Concello preparou unha programación específica que inclúe memoria e estimulación cognitiva, informática —con grupos de iniciación e perfeccionamento— e manexo de móbil, ademais de ximnasia acuática. Desde o goberno local salientaron que “se trata de actividades que axudan a manter a mente activa, melloran a autonomía e favorecen as relacións sociais”.
O executivo municipal subliña que con esta nova programación quere responder ás demandas da veciñanza, apostando por unha oferta variada que combina aprendizaxe, creatividade e benestar físico.