Xove prepárase para celebrar a 27ª Ruta Cabalar o 15 de marzo

O municipio de Xove converterase o vindeiro domingo 15 de marzo no punto de encontro dos afeccionados ao mundo ecuestre coa celebración da 27ª edición da Ruta Cabalar. A cita, xa consolidada no calendario festivo local, reunirá xinetes e amantes dos cabalos nunha xornada pensada para combinar deporte, tradición e convivencia.
A saída está prevista para as 10.00 horas desde o campo da igrexa de Sumoas. Tras percorrer parte do municipio, a organización ofrecerá un pequeno avituallamento a media ruta para repoñer forzas antes de completar o itinerario.
A programación continuará ás 14.30 horas cun xantar baixo carpa no mesmo recinto da saída. O menú estará composto por polbo á feira, pataca cocida con xamón, chourizo e touciño, ademais de sobremesa, bebida, café e chupo. A comida será servida pola Pulpería Mario de Viveiro e contará coa animación dun grupo musical, que poñerá o toque festivo á sobremesa.
Os prezos establecidos son de 35 euros para persoas adultas, 17,50 euros para nenos e nenas de entre 6 e 12 anos, mentres que os menores de seis anos poderán asistir de balde. As inscricións permanecerán abertas ata o 11 de marzo.
Durante a xornada tamén se realizará un sorteo de agasallos entre os asistentes á ruta. A actividade está organizada pola Asociación Equina A Medela e conta coa colaboración do Concello de Xove. A entidade lembra que cada participante será responsable dos posibles danos que poida ocasionar ao longo do percorrido.