Xove prepárase para a XXI Festa do Polbo cunha ampla oferta gastronómica e musical

O vindeiro 17 de abril, coincidindo co Xoves Santo, Xove converterase no epicentro gastronómico da Mariña coa celebración da XXI Festa do Polbo. A partir das 19:00 horas, os asistentes poderán degustar racións de polbo a un prezo de 15 euros nos establecementos hostaleiros participantes, que ademais ofrecerán un ambiente festivo e animado.
A música tamén será protagonista nesta edición, coa participación da comparsa Habelas Hainas, de Barreiros, que percorrerá os locais amenizando a xornada cunha sesión de percusión en directo.
A festa está organizada pola asociación de hostaleiros de Xove, coa colaboración e patrocinio do Concello, e reunirá a locais emblemáticos como Bar Pepe, Cafetería A Roda, A Fuga, O Refuxio, La Cívica, Os Faroles, O CabaLiño, Antoxo e Pulpería-Bar Cociña.
Con esta iniciativa, Xove reafirma a súa aposta pola gastronomía como atractivo turístico e punto de encontro para veciños e visitantes.