Xove prepara unha Romaría de San Antonio máis sostible e familiar

AMariñaXa
A romaría do 13 de xuño reafírmase como Festa de Interese Turístico de Galicia cunha edición respectuosa e familiar
san_antonio_da_rigueira_xove
Romaría
29 May 2025

A fervenza verde da Rigueira, no corazón do concello de Xove, volverá ser o escenario da tradicional romaría de San Antonio, que este 13 de xuño se celebrará como xa é habitual como día festivo local. O Concello xa puxo en marcha os preparativos dunha das festas máis emblemáticas da comarca, que dende hai anos conta coa distinción de Festa de Interese Turístico de Galicia.

A cita, que destaca polo seu ambiente familiar e o contacto directo coa natureza, anima á veciñanza a sumarse á romaría anotándose previamente no Concello. As persoas interesadas poden facelo ata o 11 de xuño ás 13:00 h, ben de forma presencial, chamando ao 982 59 20 01 ou por correo electrónico a lucia@xove.es. Quen realice a inscrición recibirá a tradicional “ventura” e a flor do San Antonio.

Nun xesto de respecto ao medio e ás persoas sensibles ao ruído, este ano volverá suprimirse o uso de bombas de palenque, favorecendo así unha experiencia máis tranquila e accesible para todos, incluíndo ás mascotas, que tamén son benvidas na camiñada ata a capela. “Animádevos a facela cos vosos animais de compaña!”, proclama o cartel deste 2025.

O Concello de Xove aposta por manter vivo o espírito desta celebración, que combina tradición relixiosa, natureza, camiñadas en grupo e unha fonda conexión co territorio. A organización lembra tamén que a festa ten un marcado carácter comunitario, e invita á participación activa de todas as xeracións, nun espazo singular e con historia como é a contorna da Rigueira.

romeria-de-san-antonio-da-rigueira-xove
⚙ Configurar cookies
0.11666107177734