Xove prepara unha Festa do Deporte para homenaxear aos seus atletas

O Concello de Xove anunciou a celebración da súa Festa do Deporte, unha cita que terá lugar o venres 10 de outubro a partir das 20:00 horas no Pavillón Municipal. A iniciativa está pensada como un punto de encontro para a veciñanza, un espazo no que recoñecer o esforzo, a superación e o compromiso de todas as persoas que forman parte da vida deportiva do municipio.
“O obxectivo é compartir, celebrar e apoiar o deporte local, que é un orgullo para Xove e unha mostra do talento e da constancia da nosa xente”, sinalan desde o Departamento de Deportes. A convocatoria quere converterse nunha festa aberta, na que participen familias, amigos e afeccionados, arroupando aos deportistas que representan á vila nas diferentes modalidades.
Dende o goberno municipal subliñan que este tipo de encontros axudan a fortalecer os lazos comunitarios e a poñer en valor o traballo silencioso que se realiza día a día nos clubs e nas escolas deportivas. “Será unha oportunidade para agradecerlles a súa dedicación e animar a que sigan medrando e levando o nome de Xove con orgullo”, engaden.