Xove prepara a Romaría ao San Antonio Ventureiro

AMariñaXa
Ata o próximo 11 de xuño todas aquelas persoas que desexen participar da romaría poderán anotarse no Concello
san_antonio_da_rigueira_xove
Imaxe da romaría
4 Xuño 2024

Dende o departamento de Investigación Social e Turismo do Concello de Xove organízase outro ano máis a Recuperación da Romaría ao San Antonio Ventureiro da Rigueira o próximo 13 de xuño. Este ano é unha edición especial xa que, despois da declaración por parte do Consello de Turismo de Festa de Interese Turístico de Galicia no ano 2023, foi elixido polo Concello de Xove como festivo local para este 2024.

Ata o próximo 11 de xuño todas aquelas persoas que desexen participar da romaría poderán anotarse no Concello de Xove para obteren a Ventura e a flor do San Antonio ó concluír o camiño. Para anotarse poden chamar ao teléfono 982 592 001 ou escribir un correo electrónico a: lucia@xove.es

Como cada ano, os romeiros irán identificados cun carné de romaxe que poderán recoller no Concello antes da romaría, e irán selándoo nos puntos habilitados ata chegaren á igrexa. Nesta edición, como se agarda un gran número de romaxe, e moitas persoas con diversidade funcional, decidiuse dende o Concello de Xove co apoio da Comisión de Festas non se usarán bombas de palenque durante tódolos actos da romaría.

Esta iniciativa tamén foi apoiada pola romaxe que acode cada edición cos seus animais de compañía, que tamén suman unha cifra maior cada ano. No traballo de investigación para a recuperación da romaría realizado no 2009 identificáronse ata oito rutas para chegar á igrexa, que a romaxe seguía dependendo da súa procedencia. As rutas están sinalizadas con frechas e con paneis informativos ao inicio de cada unha delas, e a súa elección depende de cada romeira.

Aínda que a maioría prefiren saír do centro de Xove sobre as 10.00 ou 10.30 da mañá para chegaren á primeira misa dos romeiros ás 13.00 horas. Nesta ocasión a Comisión de Festas volve organizar un xantar popular composto por lagostinos, churrasco, chourizo, tarta xeada e café, por 3 euros, para o que haberá que anotarse antes do 10 de xuño nos teléfonos 669 896 848 e 608 696 677.

0.15062689781189