Xove premia a creatividade fotográfica co seu concurso ambiental

O Concello de Xove deu a coñecer esta semana os nomes dos gañadores do concurso fotográfico ambiental “Cal é o teu lugar preferido de Xove?”, unha iniciativa que buscaba poñer en valor a paisaxe local a través da mirada da veciñanza. A convocatoria, aberta a diferentes franxas de idade, incluía tres categorías: infantil, xuvenil e adulta.
Na categoría infantil, a fotografía que conseguiu máis apoios foi a de David Burgos Peloche, titulada “O pau da Vella. A Vella sempre no medio das catro paisaxes”, unha imaxe que combina simbolismo e identidade local. Pola súa parte, na categoría de adultos, a gañadora foi Begoña Amor Ruiz con “A través da bombilla. Un dos meus dous sitios relax, deste concello. Un lugar para visitar”, unha proposta que destaca pola orixinalidade do encadre e a sensibilidade estética.
A organización informou de que a categoría júnior quedou deserta, ao non se presentar propostas válidas ou non acadar estas o mínimo esixido polas bases.
A entrega de premios, que inclúe un agasallo de 60 euros para cada gañador, terá lugar este sábado 7 de xuño ás 20:30 horas no salón de plenos do Concello de Xove. Desde o consistorio convidan a todas as persoas participantes a acudir ao acto, onde tamén se repartirá un pequeno detalle a cada concursante como mostra de agradecemento pola súa implicación.
Dende o Concello valoran moi positivamente a resposta veciñal e agradecen a todas e todos os concursantes “a súa ollada única sobre o territorio e o compromiso co medio ambiente”.