Xove pon en marcha o programa “Xove Concilia” durante as vacacións de Semana Santa

AMariñaXa
A iniciativa ofrece un servizo de conciliación familiar para nenos e nenas de 3 a 10 anos en horario de mañá
madrugadores-nenos-xogando
12 Mar 2026

O Concello de Xove organizará durante as vacacións de Semana Santa unha nova edición do programa “Xove Concilia”, unha iniciativa dirixida a facilitar a conciliación da vida familiar e laboral das familias do municipio.

A actividade desenvolverase os días 30 e 31 de marzo e tamén o 1 e o 6 de abril, en horario de 8:45 a 14:00 horas. O servizo está pensado para menores con idades comprendidas entre os 3 e os 10 anos, que poderán participar en diferentes propostas lúdicas e educativas durante esas xornadas.

O programa conta con prazas limitadas, polo que desde o Concello recoméndase ás familias interesadas formalizar a inscrición con antelación. O prazo para anotarse permanecerá aberto ata o 21 de marzo e poderá realizarse tanto de maneira presencial na OMIX como a través da sede electrónica municipal.

A iniciativa está impulsada pola Área de Muller e Igualdade do Concello de Xove e enmárcase nas políticas destinadas a favorecer a conciliación familiar e apoiar ás familias durante os períodos non lectivos do calendario escolar.

Ademais, este programa conta co apoio institucional doutras administracións a través de iniciativas de corresponsabilidade e políticas sociais orientadas a promover a igualdade e facilitar a organización do tempo familiar.

0.13075613975525