Xove pecha o ciclo de faladoiros en corresponsabilidade cunha sesión sobre o uso das tecnoloxías

O Concello de Xove culmina o seu ciclo de faladoiros en corresponsabilidade cunha terceira e última sesión que terá lugar o vindeiro mércores 8 de abril ás 19:00 horas. A actividade desenvolverase na Aula de Formación municipal, con posibilidade tamén de seguimento en liña a través da plataforma Zoom.
Tras a boa acollida das dúas sesións anteriores, esta nova cita propón afondar en cuestións clave para o día a día das familias e do ámbito educativo, centrando a atención no uso das tecnoloxías e na necesidade de establecer límites conscientes. O encontro permitirá analizar o emprego excesivo dos dispositivos desde unha perspectiva máis ampla, entendéndoo non só como un problema, senón tamén como un síntoma de necesidades emocionais e relacionais.
A charla ofrecerá estratexias prácticas para acompañar ás persoas máis novas no uso responsable das ferramentas dixitais, fomentando valores como a corresponsabilidade, o diálogo e o traballo en equipo. Ademais, habilitarase un espazo participativo no que as persoas asistentes poderán compartir experiencias, resolver dúbidas e intercambiar reflexións nun ambiente aberto e colaborativo.
A iniciativa está especialmente dirixida a familias e profesionais da educación, aínda que permanece aberta a toda a cidadanía interesada en mellorar a convivencia e fortalecer os vínculos no fogar e na escola.
As persoas interesadas en asistir deberán formalizar a súa inscrición previamente a través da páxina web municipal. Con esta última sesión, o Concello de Xove pon o broche a un ciclo formativo que apostou pola aprendizaxe compartida e pola construción de comunidade arredor dos coidados e a educación.