Xove organiza un novo concurso de caretas de Entroido

AMariñaXa
O concurso destínase a nenos e rapaces de Xove, en especial aos alumnos do Ceip Pedro Caselles e aos de ESO do IES Illa de Sarón
8 Feb 2021

O Concello de Xove, a través da Concellería de Cultura  e a Biblioteca Municipal de Xove, puxo en marcha unha nova edición do Concurso de Caretas de Entroido.  Coma en anos anteriores, o concurso destínase a nenos e rapaces de Xove, en especial aos alumnos do Ceip Pedro Caselles e aos de ESO do IES Illa de Sarón.

Segundo idade, hai cinco categorías: Preescolar (nenos de 3, 4 e 5 anos); 1º e 2º de primaria; 3º e 4º de Primaria; 5º e 6º de primaria e 1º a 4º de ESO. En cada unha destas categorías concederanse tres premios.

A técnica a empregar será libre: debuxo a lapis, rotuladores, ceras, collage, etc. Non se admitirán caretas prefabricadas que só requiran colorearse.”Loxicamente, dende o Concello o que pretendemos con este Concurso é  potenciar  a participación e creatividade dos nosos rapaces”, explican.

Cada concursante pode presentar unha ou máis caretas a este concurso, iso sí, só poderá optar a un único premio. Estes consistirán en lotes de material escolar cunha valoración de 35,00 euros. O xurado poderá deixar deserto calquera dos premios, se así o considera oportuno. Neste caso, a contía total destinada aos premios poderá repartirse en partes iguais entre os gañadores.

Normalmente os traballos que participaban neste concurso recollíanse na Biblioteca Municipal e cos mesmos facíase unha exposición. Dado que nestes intres a Biblioteca Municipal, por causa do covid-19, está pechada, os traballos que participen no concurso hai que entregalos no Departamento de Cultura, concretamente no despacho do técnico municipal de cultura na 5ª planta do Concello, en horario de oficina, de 7:45 a 15:15 horas. O prazo para presentar traballos remata o xoves 25 de febreiro.

0.0677490234375