Xove organiza a súa Festa Infantil de Fin de Ano no Pavillón Municipal

AMariñaXa
A cita terá lugar o 31 de decembro cun programa cheo de xogos, música e animación para a cativada
festa-fin-de-ano-2026
30 Dec 2025

O Concello de Xove continúa a desenvolver a súa programación cultural de Nadal 2025-2026 cunha proposta pensada especialmente para os máis pequenos. Mañá mércores, 31 de decembro, a partir das 11.00 horas, o Pavillón Municipal acollerá a tradicional Festa Infantil de Fin de Ano, unha xornada destinada a que a infancia do municipio poida despedir o ano nun ambiente lúdico e festivo.

A mañá arrancará cunha animada sesión de música, xogos e actividades participativas, deseñadas para ofrecer diversión e entretemento á cativada. A iniciativa busca crear un espazo no que os nenos e nenas poidan gozar do Nadal compartindo momentos especiais con outros rapaces e rapazas do concello.

Ás 12.00 do mediodía, sempre que as condicións meteorolóxicas o permitan, está prevista a celebración das tradicionais uvas de fin de ano, coincidindo coas doce badaladas marcadas polo reloxo da praza do Centro Cívico. Este acto simbólico permitirá aos máis pequenos vivir unha versión adaptada dunha das tradicións máis populares destas datas.

Tras as badaladas, a festa continuará no interior do pavillón con máis música e animación, poñendo o broche final a unha xornada pensada para despedir o ano cun ambiente alegre e familiar.

Desde o Concello de Xove animan a todas as familias a participar nesta actividade, creada para que a infancia poida sentir o espírito do Nadal e a ilusión da chegada dun novo ano, gozando dunha experiencia festiva adaptada ás súas idades e necesidades.

⚙ Configurar cookies
0.07620906829834